Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos Imprimir
Martes, 08 Marzo 2011 12:03

Os Servizos Sociais do Concello de Verín informan que, ata o 28 de marzo, está aberto o prazo da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para este exercicio.

Esta axuda foi convocada pola Xunta de Galicia como en anos anteriores, e vai dirixida, dentro da política integral de atención á familia, á aquelas persoas que teñan ao seu cargo fillos/as menores de tres anos na data de 01 de xaneiro de 2011 (é dicir, nacidos entre o 2-1-2008 e o 1-1-2011, inclusive), e que por razón dos ingresos económicos obtidos durante o ano 2009 nin elas, nin ningún membro da unidade familiar, estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), correspondente a este período.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor de tres anos en contía de 360 euros.

A documentación básica a aportar é a fotocopia do libro de familia ou certificación literal do nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos/as menores de tres anos, certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar; copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador -de ser o caso-, copia da resolución xudicial ou administrativa -nos supostos de adopción ou acollemento-, fotocopia da folla da cartilla de aforros na cal figure o número de conta en que se desexe recibir o ingreso -e na cal deberá inaugurar como titular a persoa que asina a solicitude, e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera administración pública.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Servizos Sociais, situada na Casa da Xuventude (Avda. de Portugal, 11), de 9.30 a 13 horas.