A Xunta construirá unha escola infantil de 74 prazas en Verín Imprimir
Luns, 12 Abril 2010 13:13

 

A Consellería de Traballo e Benestar construirá unha escola infantil no municipio de Verín, un equipamento que terá unha oferta de 74 prazas divididas en cinco unidades por tramos de idade, e suporá un investimento de ao redor de 900.000 euros.

Este novo servizo foi anunciado hoxe en Verín, nun acto ao que tamén asistiron Rogelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense, Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio, e Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde da localidade.

Na súa intervención, a titular de Benestar da Xunta salientou que as escolas infantís son unha das claves nas que está a actuar o Goberno autonómico para contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Esa conciliación, subliñou a conselleira, contribuirá tamén ao obxectivo da equidade e igualdade de oportunidades para todos, o que suporá unha mellora na calidade de vida de Galicia e na garantía do benestar social.

Por outra banda, Beatriz Mato Otero tamén avanzou, en materia de cooperación xuvenil, a futura posta en marcha dunha oficina de información xuvenil transfronteiriza, así como dun local de ensaio. Ambas infraestruturas realizaranse ao abeiro dun proxecto europeo.