Programa 'Xantar na Casa' en Verín Imprimir
Venres, 11 Decembro 2009 12:31

O Concello de Verín asinou o convenio Xantar na Casa co Consorcio Galego de Servizos Sociais co fin de establecer un servizo de comedor a domicilio para persoas maiores, dependentes e en situación de exclusión social.

Xantar na Casa constitúe un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.  

Este programa, que xa prestara en anos anteriores e o que se busca dar continuidade e consolidación sempre que exista demanda, conforma un complemento a outros servizos que xa se están a desenvolver polo Concello de Verin, como por exemplo, transporte adaptado, teleasistencia ou axuda no fogar. Todos eles teñen como obxectivo que as persoas maiores e/ou dependentes poidan seguir vivindo nos seus fogares, o maior tempo posible, e cun nivel de independencia e autonomía aceptable.

Son beneficiarias do programa Xantar na Casa as persoas empadroadas e que sexan residentes no concello e que cumpran os seguintes requisitos:
• Persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que poida suplir tal situación.
• Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e requiren de axuda para a preparación de alimentos.
• Persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais do Concello.

Cada menú, cun prezo diario para a persoa beneficiaria de 2 euros –aportando o Concello de Verín e o Consorcio de Servizos Sociais o resto do custo-, será completos, equilibrado, variado e adaptado ás necesidades dos usuarios, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano -cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa.- Os xantares entregaranse nun único día á semana aos beneficiarios, que recibirán no seu domicilio sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana durante o período en que se atopen de alta no servizo. Será condición indispensable dispoñer de forno microondas na casa, así como frigorífico en bo estado.

O límite de prazas é de 30 e as persoas interesadas poderán formalizar as solicitudes, en horario de 9.30 a 13 horas, nas dependencias dos Servizos Sociais do Concello de Verín -Casa da Xuventude (Avda. de Portugal, 11 bis)-. Para máis información sobre este programa poden chamar ao 988-414776 -entre as 8 e as 15 horas-.