Tramitación da prestación económica de pagamento único por fillos/as menores de 3 anos nos Servizos Sociais de Verín Imprimir
Xoves, 05 Febreiro 2015 11:19

O departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín informa, para coñecemento e difusión entre as familias do noso término municipal, que xa está aberto o prazo de solicitude da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o exercicio 2015 .


A Xunta de Galicia, en virtude da súa competencia exclusiva en materia de asistencia social establece  medidas de apoio á protección da familia que teñen por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar. Co fin de paliar na medida do posible os gastos dos primeiros anos de crianza dun filla ou fillo:
- Establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) polo nacemento de fillas e/ou fillos.
- Establece  que aquelas persoas que, na data do 1 de xaneiro de 2015, teñan ao seu cargo fillas ou fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1.200 euros pola segunda ou segundo, e de 2.400 euros polo terceiro e sucesivos cando nin elas nin ningunha das persoas que integran a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente ao ano 2013, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

A contía estipulada é a seguinte:
- 1º fillo/a: 360 euros.
- 2º fillo/a: 1.200 euros.
- 3º e sucesivos: 2.400 €

A documentación a presentar é:

- Anexo I cuberto e asinado pola persoa solicitante
- Anexo II cuberto e asinado polo (ou pola) cónxuxe/parella, de ser o caso
- Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, aos efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.
- Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.
- Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
- Nos supostos de adopción ou acollemento, copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare (Só no suposto de que a formalización se realizase noutra comunidade autónoma).

Información e tramitación en Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín (Avda. de Portugal, 11 Bis. Teléfono: 988-414776). O prazo de solicitude finaliza o 14 de marzo de 2015.