A Eurocidade Chaves-Verín contará cun centro de formación termal e de investigación da auga e un servizo de transporte transfronteirizo Imprimir
Martes, 04 Xaneiro 2011 19:33

Na xornada de hoxe 4 de xaneiro, a localidade de Verín acolleu unha nova reunión do Grupo de Traballo da Eurocidade Chaves-Verín, na que Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aceptou a presidencia do mesmo e tamén se repartiron os primeiros carnés de Eurocidadáns aos representantes institucionais presentes.


No acto presidido por Rueda Valenzuela, e que contou ca presencia do coordinador da Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal – CCDR-N, Nuno Almeida,  o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Plácido Álvarez, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o presidente do Municipio de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, a administradora da Delegação Turismo Saúde e Bem Estar - Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Ana Ladeiras, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús María Gamallo Aller, o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, o delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez González,  e o xefe do negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos - Deputación de Ourense, Francisco Javier Rodríguez-Nóvoa González, presentáronse no só o informe do do Secretariado Técnico Conxunto -realizado por Luis Meiriño, secretario da Comisión Executiva da Eurocidad, no que se explicaron as actuacións realizadas e futuras-, senón tamén o ‘Estudio de Transportes da Eurocidade’ -a cargo de Miguel Rodríguez Bugarín-, ‘Centro de Investigación  Turístico-Termal e Investigación da Auga’ -efectuado por Carmen Pardo López-, ‘Cidade da Saúde’ -realizado por Xoan Vázquez Mao- e “Estratexia de cooperación institucional da Rexión do Norte’ -a cargo de Nuno Almeida-.

Ao longo do mesmo, o secretario xeral do Eixo Atlántico indicou que, ata o momento, se cumpriron todos os compromisos e calendarios asumidos polo Grupo de Traballo da Eurocidade, tanto no referente á presentación da Axenda Estratéxica, “presentada en menos dun ano e que recolle o que a poboación de Verín e Chaves quere que sexa a Eurocidade”, a aprobación de candidaturas europeas presentadas e a remodelación da estrutura operativa, encargada de coordinar os novos proxectos da Eurocidade, e que estará conformada por un Grupo de Traballo, presidido por Alfonso Rueda, unha Comisión Executiva por Jesús Gamallo Aller, coordinador da Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal – CCDR-N, e un Secretariado Técnico acompañado dun gabinete de apoio técnico.

Con respecto ás candidaturas, o Vázquez Mao recordou que nestes dous anos, a Eurocidade Chaves-Verín, logrou catro proxecto aprobados, tres POCTEP (Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España Portugal),  e un URBACT, “algo inusual, pero que revela o traballo ben feito por parte da Eurocidade”, dos que os dous xa se realizaron e os restantes “poranse en marcha a finais de xaneiro ou principios de febreiro”. Unha destas candidatura é a do Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación da Auga, presentado hoxe aos asistentes por Carmen Pardo López, secretaria xeral para o Turismo. Un proxecto, cun orzamento de  1786923,20 euros -75% financiado por Fondos Feder- e no que colaboran a Deputación de Ourense, Secretaría Xeral para o Turismo e Turismo do Porto e Norte de Portugal, Sociedade Portuguesa de Hidroloxía Médica e Asociación de Termas de Portugal. O mesmo ten como obxectivo a construción e posta en funcionamento do Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación da Auga Transfronteirizo, conformado por unha Escola Hostaleira Termal (Verín) e un Balneario-Escola e Laboratorio de Investigacións Termais e da Auga (Chaves). Unha acción destinada ao desenvolvemento da formación de calidade, investigación e promoción como destino de saúde e benestar de  Galicia-Norte de Portugal, para lograr a consolidación do Clúster da Auga, e na que tamén se incluirá unha ruta transfronteiriza termal e da auga, similar a actuación ‘Rutas do Viño de Galicia e Norte de Portugal’.

Por outra banda, o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, presentou un ‘Estudio de Transportes da Eurocidade’, que abre a posibilidade de poñer en funcionamento un servizo de transporte público entre Verín e Chaves, antes de que remate o ano 2011, e que “sería o primeiro da Península Ibérica”, indicou o secretario xeral do Eixo Atlántico, “tanto na fronteira de España con Portugal como con Francia”. Tamén Vázquez Mao, durante a presentación de ‘Cidade da Saúde’, indicou que nun prazo inferior a dous meses celebrarase unha reunión entre os titulares de sanidade de Galicia e Portugal, “co obxecto de que se comece a traballar na planificación e compartimento de recursos e servizos á poboación entre os dous municipios e rexións, é dicir, dar máis con menos”.

Unha cuestión apoiada polo titular de Presidencia que indicou que “a Eurocidade,  tanto cos proxectos realizados como futuros, revela a existencia dun modelo de cooperación transfronteiriza na que os cidadáns poidan comprobar os efectos positivos e beneficios da mesma, e conforman un exemplo para toda a fronteira entre Galicia e Norte de Portugal”. Ademais engadiu que os proxectos presentados son de “transcendencia inmediata “, como o “de termalismo, no que se aproveitan os recursos de aquí e alá, e situarase á cabeza en materia de recursos termais de Galicia e norte de Portugal” ou “o de transporte entre o barrio norte e sur, como indicaron diferentes poñentes, e que reflicte un xeito de expresar a compenetración e cooperación existente entre Chaves e Verín”.

Na mesma liña expresouse o rexedor de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, que entregou xunto co seu homónimo de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, os primeiros carnés do Eurocidadán, e afirmou que “os dous municipios teñen o reto de ser un laboratorio de construción de cidadanía europea, destinado a mellorar a calidade de vida de verinenses e flavienses”.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).