‘II Semana da Educación e Seguridade Viaria’da Eurocidade Chaves - Verín Imprimir
Xoves, 28 Outubro 2010 12:37

Dende o día 2 ao 5 de novembro, a Eurocidade Chaves-Verín organiza a ‘II Semana da Educación e Seguridade Viaria’, destinada a mostrar actuacións conxuntas aos cidadáns das dúas poboacións, en materia de educación e seguridade viaria.

Esta iniciativa amosa un proxecto innovador no ámbito da educación e seguridade viaria dado que ofrece a posibilidade de unir esforzos e intercambiar experiencias, dar maior solidez á cooperación transfronteiriza existente para a realización de controis de seguridade conxuntos entre as forzas e corpos de seguridade lusos e españois -avalados por protocolos de colaboración entre os Ministerios de Interior de ambos países-, e conforma o punto de partida dun proxecto de colaboración transfronteirizo no ámbito da Educación e Seguridade Viaria, que pretende dotar aos verinenses e flavienses das actitudes e coñecementos idóneos para a adquisición de boas prácticas que eviten accidentes na estrada.

Un proxecto avalado tras a adhesión á Carta Europea de Seguridade Viaria, impulsada pola Comisión Europea no ano 2001 co obxectivo de reducir o número de vítimas de accidentes de tráfico, e na que se inclúen á realización de accións concretas como: charlas-coloquios dirixidas a grupos de risco -alumnos/as de centros educativos, embarazadas, 3ª Idade e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida-, promoción de cursos de educación viaria anuais co obxectivo de indicar cal debe ser o comportamento como peón, pasaxeiro e condutor; eliminación de barreiras arquitectónicas, mantemento e reposición de sinais de tráfico e a repetición da ‘Semana da Seguridade e Educación Viaria’ na Eurocidade Chaves-Verín.

Na organización desta ‘II Semana da Educación e Seguridade Viaria’ colaboran a Xefatura Provincial de Tráfico, Agrupación Guardia Civil de Tráfico de Verín, Policía Local de Verín, Guardia Civil de Verín, Cruz Vermella Monterrei, Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Guarda Nacional Republicana, Polícia de Segurança Pública, Corporaçôes de Bombeiros de Chaves, Câmara Municipal de Chaves e Concello de Verín.  E na mesma celebraranse de forma conxunta o seminario internacional ‘Autovía. Unha nova realidade’, charlas-coloquio de sensibilización, así como xornadas prácticas, que inclúen actividades con karts, exhibicións de medios, teatros, simulacro de excarceración dun accidente de tráfico, ou exposición de materiais didácticos sobre seguridade viaria, entre outros.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).