Exposición ‘Artes Plásticas e Actividades da Eurocidade Chaves-Verín’ Imprimir
Martes, 05 Outubro 2010 11:56

A Casa do Escudo de Verín acolle ata o 9 de outubro a exposición ‘Artes Plásticas e Actividades da Eurocidade Chaves-Verín’, que recolle os cadros dos vencedores da primeira edición do Concurso Fotográfico ‘Recursos históricos e naturais da Eurocidade’ e o destinado a creación da mascota ‘Chavín’.


O primeiro dos concursos buscaba incentivar a capacidade artística, o interese pola fotografía e a importancia dos recursos naturais, históricos e culturais de Chaves e Verín entre os nenos/as e mozos/as con idades comprendidas entre os 6 e 15 anos. No caso do segundo, destinado a alumnos/as de primaria e secundaria, o obxectivo era o deseño dunha mascota da Eurocidade: ‘Chavín’, que será utilizada en todas as actividades deportivas, educativas e culturais que se realicen nos dous municipios. Ambas iniciativas están enmarcadas dentro das actuacións desenvolvidas neste proxecto de cooperación transfronteiriza, destinado a promover o intercambio educativo e social entre as poboacións das dúas localidades, espertar o interese pola cultura, e promover unha ocupación saudable do tempo de lecer entre os ‘eurocidadáns’.

No Concurso Fotográfico ‘Recursos históricos e naturais da Eurocidade’, o primeiro lugar foi para Andrea de Dios López, do Instituto Xesús Taboada Chivite de Verín. En segundo lugar clasificouse Cristina Díez Márquez, do CEIP Amaro Refojo. E na terceira posición quedou Kevin Luiz Ponte Pucci, de Chaves. Mentres que no de ‘A Mascota da Eurocidade – Chavín’ o primeiro lugar foi para o grupo de 5ºB da Escola EB2,3 de Vidago/Chaves. O segundo lugar para o 4º ano da Escola de Santo Amaro, tamén en Chaves e a terceira posición foi para o grupo 1 do Externato Pinguim de Chaves.

A mostra, que tamén inclúe imaxes de todas as actividades culturais e deportivas realizadas durante este ano en ambos municipios, será visitada por alumnos/as de infantil e primaria do CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España e Colexio María Inmaculada, ao longo de toda a semana.

O horario para visitar a exposición é de luns a sábado, ambos os dous incluídos, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).