Unha delegación do Goberno brasileiro visita a Eurocidade Chaves-Verín Imprimir
Martes, 28 Setembro 2010 15:23

Unha delegación do Goberno brasileiro composta por cinco membros pertencentes ás Meso-Rexións de Alto Simoneo, Vale do Río Acre e Gran Fronteira Mercosur visitan a Eurocidade Chaves-Verín, co obxecto de coñecer e intercambiar proxectos en materia de política de cohesión europea.


Nesta visita, enmarcada dentro dun Memorando de Entendemento entre a Comisión Europea e o Ministerio de Integración de Brasil asinado en novembro de 2007, os participantes foron recibidos na localidade galega polo presidente da Câmara Municipal de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, que realizaron unha breve presentación do proxecto de cooperación transfronteiriza da Eurocidade.

Con posterioridade, trasladáronse ao edificio da antiga aduana de Feces de Abaixo (Verín), que se converterá nos vindeiros meses na futura sede da Eurocidade, e a cidade lusa de Chaves onde recibiron información sobre os proxectos Esol (Xestión enerxética sostible en entidades locais transfronterizas) e o da Eurocidade Chaves-Verín, por parte do Gabinete Técnico desta iniciativa.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza  España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).