A Eurocidade Chaves-Verín convoca novos cursos de formación de lingua portuguesa Imprimir
Luns, 31 Agosto 2009 12:05

Debido ao éxito das dúas edicións anteriores e o elevado número de persoas que quedaron en lista de espera, a Eurocidade Chaves-Verín convoca novamente dous cursos de portugués, un básico e outro de perfeccionamento, de 2 meses de duración, a iniciar a finais do mes de setembro. A primeira reunión informativa terá lugar o 21 de setembro, no salón de actos da Casa da Cultura ás 20.30 horas, onde se marcarán os horarios e días que mellor se adapten ás necesidades dos interesados. 

Os cursos son completamente gratuítos, e as inscricións poderán realizarse ata o 15 de setembro no Gabinete de Apoio Técnico á Eurocidade (988-410000), situado no segundo piso da Casa do Concello, en horario de 9 a 14 horas. O número de prazas é limitado, polo que a prioridade será, primeiramente, para aquelas persoas que quedaron en lista de espera na convocatoria anterior, e a continuación aquelas persoas que se inscriban para a actual edición, por rigorosa orde de inscrición. 



O de iniciación á lingua portuguesa pretende favorecer o achegamento entre as dúas poboacións da Eurocidade, proporcionando os recursos lingüísticos e culturais necesarios para unha comunicación fluída entre os eurocidadáns. Mentres que o de perfeccionamento, está destinado aos alumnos asistentes aos cursos de iniciación, realizados con anterioridade, para que poidan perfeccionar os seus coñecementos na lingua veciña.