O Fondo Galego inicia unha campaña a prol da solidariedade internacional desde o local Imprimir
Mércores, 19 Xaneiro 2011 11:49

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de por en marcha unha campaña de incidencia política para lograr que se manteña o compromiso cos países empobrecidos. Trátase, perante os próximos comicios municipais, de que as forzas políticas teñan presente que a sociedade galega si lles demanda que manteñan o pulso da solidariedade coas persoas e países que viven en crise estrutural e, pola mesma, permanente. Estase a falar dun esforzo ínfimo que debera ser aumentado.

A iniciativa arrancou xa en Facebook, onde destacados persoeiros galegos e representantes de diversos sectores do eido local están a dar a súa opinión sobre a cooperación municipalista. O obxectivo é que a solidariedade internacional se incorpore ás axendas dos futuros gobernos locais e provinciais. Preténdese así evitar que os Concellos e Deputacións galegas empreguen a crise económica como coartada para reduciren as achegas aos países do Sur, xa entre as máis cativas do Estado.

‘Fondo Galego: Campaña a prol da solidariedade internacional desde o local’ é o título do perfil de Facebook onde se están a publicar as respostas das personalidades consultadas a estas tres preguntas: Cre que a cidadanía é contraria á solidariedade internacional? Coida que Concellos e Deputacións deben implicarse na loita polo desenvolvemento e a erradicación da pobreza no mundo? Considera que a crise xustifica a supresión e/ou redución do compromiso manifestado ata hoxe coa cooperación internacional? Ata o momento, todas as contestacións están a avogar pola cooperación municipalista.

Rafael Cuíña, Camilo Nogueira, Xesús Palmou, María Reimóndez, Emilio Martínez, Yolanda Castaño ou Fran Alonso son algúns dos que xa penduraron ou pendurarán axiña o seu testemuño. Canda estes nomes destacados, opinan persoas ligadas a diferentes sectores con incidencia no local: alcaldes, concelleiros, líderes de opinión, funcionarios, representantes veciñais, líderes sindicais, etc. Maniféstase así o apoio social á solidariedade internacional protagonizada por Concellos e Deputacións, e á súa canalización á través do Fondo Galego de Cooperación.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a pór en marcha unha intervención de post-emerxencia no Haití.