O Fondo Galego de Cooperación dota de auga corrente ás 50 familias da vila caboverdiana de Baleia Imprimir
Xoves, 06 Xaneiro 2011 14:52

As 50 familias da localidade de Baleia, no municipio caboverdiano de Brava, dispoñen xa de auga corrente grazas ao proxecto cofinanciado en 2010 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa repercutirá na mellora da calidade de vida da poboación e axudaralle a saír da precariedade mediante actividades agropecuarias, que son tradicionais na zona pero que se vían afectadas pola carestía da auga.

O Fondo Galego investiu 6.840 euros na extensión da rede de abastecemento e a súa conexión aos domicilios. A Cámara Municipal de Brava actuou como parceira local e a propia comunidade achegou a man de obra necesaria para as obras de canalización. Os 230 habitantes de Baleia beneficiaranse desta actuación, especialmente as mulleres e nenas, que adoitaban ser as encargadas de transportar a auga dende a fonte onde se vendía. As donas poderán dedicar agora ese tempo a outras cuestións que redundarán no seu empoderamento: tarefas produtivas, actividades educativas e de lecer, político-culturais, de descanso, etc. O obxectivo é avanzar na participación social e familiar das donas, na real consecución dos seus dereitos e na desestruturación dos roles de xénero.

A través deste proxecto, capacitouse a homes e mulleres cabezas de familia en técnicas de horticultura e microirrigación, formouse ás donas en confección de encaixes e bordados e leváronse a cabo campañas de concienciación sobre o coidado ambiental e o uso responsable da auga. Sensibilizouse asemade á poboación sobre prácticas hixiénico-sanitarias, co obxectivo de reducir nun 20% a incidencia de enfermidades diarreicas. Tamén se traballou a igualdade de xénero cos homes da vila, a fin de que respecten os dereitos das mulleres e compartan as actividades do fogar.

O proxecto promovido polo Fondo Galego de Cooperación enmárcase no 7º dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que sitúa o acceso á auga entres as principais preocupacións das Nacións Unidas. Esta cuestión cobra unha especial relevancia en Cabo Verde, un país gravemente afectado pola seca e no que o 90% dos alimentos son importados.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a pór en marcha unha intervención de post-emerxencia no Haití.