Presentación de novas actuacións de mellora de infraestruturas Imprimir
Xoves, 16 Decembro 2010 13:43

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, presentou esta mañá as novas actuacións de mellora de infraestruturas que se van a realizar nos viarios do municipio.

A primeira delas realizarase no camiño que une Pazos co Polígono Industrial de Pazos, “onde hai fincas agrícolas, unha granxa e que nestes momentos atópase intransitable”, asegura o rexedor. Ten unha lonxitude de 426 metros, unha anchura de catro metros e no mesmo efectuarase un triplo tratamento asfáltico. “É unha vella reivindicación dos veciños desta localidade, que se realizará nos primeiros meses do ano 2011”, afirma. Mentres que a segunda actuación se desenvolverá nunha vía que une Tamaguelos con San Ciprián (Oímbra), dunha lonxitude de 210 metros e 4,5 de anchura, e que facilitará o acceso a propiedades e a unha granxa instalada na zona. Uns proxectos cuxo orzamento ascende a 35.531,72 euros.

A terceira mellora terá lugar no camiño da Regateira, que une a poboación de Queizás co camiño da Noria en Verín, “solicitado polos veciños, xa na anterior lexislatura, onde non só hai vivendas senón tamén explotacións agrícolas”, recoñece o alcalde. Neste caso a súa lonxitude é de 820 metros, posúe unha anchura de catro metros e nel efectuarase un triplo tratamento asfáltico. E a última realizarase tamén en Queizás, nun camiño que une a zona dos invernadoiros co centro da localidade e a urbanización das Casas Brancas coa igrexa -ten unha anchura de 3,5 metros e unha lonxitude de 205-. O orzamento destes dous camiños ascende a 48.435,91 euros.

Por outra banda, o rexedor recordou que onte finalizaron as obras da rúa Espido, onde se construíu unha rede separativa de pluviais, mellorouse a rede de saneamento e abastecemento, pavimentación, sinalización e pintado.