A Tropa de Trapo actúa en Verín no Día Internacional da Tolerancia Imprimir
Venres, 12 Novembro 2010 12:11

A compañía A Tropa de Trapo, grupo especializado en narracións orais con música en vivo, actuará o martes día 16 de novembro ás 10.30 horas no IES Xesús Taboada Chivite, co espectáculo Contos coas mans abertas. O acto celébrase con motivo do Día Internacional da Tolerancia, e enmárcase nunha xira -que conta en Verín colaboración do Concello- patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que comezou no mes de xuño e rematará en decembro cunha vintena de actuacións.

A Tropa de Trapo


Marta Ortiz Ropero, narradora oral, e Brais Gutiérrez Ríos, músico multiinstrumentista, forman A Tropa de Trapo. Ambos os dous levaban anos relacionados cos mundos dos contos, da oralidade e da literatura cando, no ano 2006, coincidiron en Compostela. Alí decidiron formar unha compañía: Marta coas súas palabras e Brais coa súa música. O salto aos escenarios foi en maio do 2007, cun espectáculo para público adulto, A hora azul, unha mistura de contos de terras de lonxe e de preto, contados ao son de instrumentos coma a guitarra portuguesa, o laúde árabe, a darbouka ou as karkaba. Nese ano empezaron tamén a actuar para público infantil e xuvenil, con A viaxe das palabras. Despois de percorrer institutos por Galicia adiante, a principios do ano 2009 estrearon Contos sen medo, Relatos sobre a liberdade, no que buscaban a opinión e o debate co alumnado. Contos coas mans abertas é a última creación da compañía.

A Tropa de Trapo ten actuado, ademais de Galicia, en Estremadura, Andalucía e Cataluña, en institutos, colexios, bibliotecas; centros sociais, centros de maiores e centros penitenciarios; bares e haimas. A súa especialidade son os institutos: Nos centros de secundaria é onde máis actúan e onde encontran o público máis difícil e máis agradecido.

Contos coas mans abertas

Na primavera deste ano, A Tropa de Trapo presentou Contos coas mans abertas. A súa última montaxe é unha proposta chea de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e de grandes soños. Contos coas mans abertas recompila historias reais. Mulleres dunha aldea que aprenden a andar en bicicleta, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb e unha tribo de bosquimáns... todo misturado nun pulso entretido, próximo e emocionante; aliñado cun pouco de retranca, misterio e ilusión, e co ritmo da música en directo. Contos para entender o mundo mellor e  traballar por el, sempre coas nosas mans.