Concurso de ideas para a selección do anteproxecto de construción do Centro das Artes Municipal de Verín Imprimir
Venres, 29 Outubro 2010 16:04

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán presentou esta mañá a convocatoria do concurso de ideas destinado a seleccionar un anteproxecto que sirva de base ao proxecto de construción do Centro das Artes Municipal de Verín, grazas ao convenio asinado coa Consellería de Cultura e Turismo, de carácter plurianual, e cunha dotación de 230.000 euros.

“Queremos que teña acceso a realizar o deseño deste edificio emblemático todos os arquitectos interesados, españois ou non, que conforme á lexislación vixente se atopen facultados legalmente para redactar proxectos no territorio español no momento da presentación de propostas, que teñan plena capacidade de obrar e a solvencia técnica ou profesional esixida”, asegura o rexedor, “polo tanto non é fume, como din algúns deputados socialistas, senón que xa saíu publicado este concurso o 27 de outubro no Boletín Oficial da Provincia e onte no Diario Oficial de Galicia; e ademais xa conta con dotación orzamentaria para o 2011”.

Trátase dun concurso de proxectos, con intervención de xurado -formado por un presidente (alcalde de Verín), vocais (director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, un técnico a nomeamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, arquitecto municipal do Concello de Verín, arquitecto designado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e un arquitecto de recoñecido prestixio a nombramento da Consellería de Cultura e Turismo) e o secretario (secretaria do Concello de Verín)-, con carácter aberto, anónimo (baixo lema) que se encadra como de proxectos con intervención de xurado e con asignación de premios, regulado nos artigos 168 a 172 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Os premios que se establecen para devandito concurso son os seguintes:
- Un primeiro premio de vinte mil euros (20.000 €). Este premio terá a consideración de un pago a conta dos honorarios a percibir pola redacción do proxecto básico e de execución do Anteproxecto de construción do Centro das Artes Municipal de Verín.
- Un segundo premio de sete mil euros (7.000 €).
- Un terceiro premio de tres mil euros (3.000 €).

Esta nova instalación contará cos seguintes espazos: sala principal, “para un aforo de 700 persoas e coa obrigación de compartimentar a sala a fin de obter aforamentos diferentes, que permitan realizar ao mesmo tempo actividades simultáneas”, indica o alcalde, sala complementaria con capacidade para 150 espectadores, escenario, vestíbulo, camerinos, salas de ensaio, franxas de servizos, espazos para a formación musical e de danza, sala de exposicións, cafetería-restaurante, aparcadoiros e urbanización do entorno.

Os criterios de valoración a aplicar polo xurado son (a máxima puntuación é de ostenta puntos):
- Pola calidade construtiva e arquitectónica da edificación proposta (ata 40 puntos).
- Pola calidade da implantación da edificación na parcela: a urbanización proposta no entorno do edificio (ata 15 puntos).
- Pola incorporación de sistemas, materiais e tecnoloxías para o mantemento sostible do edificio, a aplicación de criterios bioclimáticos, de ecosostibilidade e aforro enerxético no desenvolvemento do proxecto e no proceso construtivo, que faciliten tanto a execución do edificio, como o seu mantemento sostible e melloren a súa calidade técnica (ata 15 puntos).
- Polo menor custo de construción ou execución da proposta. A estes efectos se valorarán independentemente os custos do propio edificio do auditorio e o de acondicionamento exterior da parcela (ata 10 puntos).

O prazo para entregar os proxecto conclúe o 29 de novembro. A documentación entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Verín (Ourense) ata ás 14 horas do derradeiro día do prazo; ou poderán ser enviadas por correo dentro do prazo establecido.

A documentación completa coa que contarán os participantes no concurso estará formada  polos seguintes documentos:
- Prego de Bases do concurso (inclúe condicións técnicas)
- Ordenación Detallada do sector SUD-10 de solo urbanizable do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal en redacción (aprobado inicialmente) no que queda incluída a parcela na que se construirá o novo Centro das Artes Municipal.
- Extracto das ordenanzas do Documento para Aprobación Inicial do Novo PXOM que resultarían de aplicación para o futuro Centro das Artes Municipal e para a parcela na que se situaría.

Toda esta documentación estará a disposición dos concursantes desde o día de publicación do anuncio do concurso no DOG, BOP e no perfil do contratista do Concello de Verín (www.verin.es) e da Deputación Provincial de Ourense (www.depourense.es).