‘Ver, ler; falar e amizar’. Unha reflexión sobre a lingua, a literatura e a muller na fronteira galego-portuguesa Imprimir
Venres, 22 Outubro 2010 12:10

A  Casa da Cultura de Verín acollerá do 25 ao 28 de outubro, en actos que comezarán as 19 horas o ciclo Ver, ler; falar e amizar, que pretende servir como reflexión, a través de diversos coloquios, sobre a lingua, a literatura e a muller na fronteira galego-portuguesa. O ciclo está organizado polo Concello de Verín e a Eurocidade Chaves-Verín, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A xornada inaugural do ciclo Ver, ler; falar e amizar está dedicada á obra Valados, de Agustín Fernández Paz, un autor que é exemplo de excelencia na creación literaria para públicos infantís e xuvenís. A xornada ten como obxectivo servirlle á mocidade para reflectir sobre fronteiras reais e imaxinarias. Agustín Fernández Paz está sufrindo unha doenza que lle impide o desprazamento a Verín, polo que o coloquio celebrarase en formato vídeo-conferencia, con cámaras en Vigo e Verín. En Verín está prevista a participación de alumnado de 1º de ESO do IES Xesús Taboada Chivite, do Colexio María Inmaculada e do Colexio Apostólico Mercedario, centros que colaboran no acto.

A segunda e a terceira xornada de Ver, ler; falar e amizar estarán dedicadas ao audiovisual e a coloquios sobre a lingua e a muller. Fronteiras. Un documental nos límites da identidade,de Rubén Pardiñas, que se proxectará o martes día 26, servirá para introducir un coloquio, que moderará o director do filme, sobre a situación da lingua e da cultura galegas nas comarcas limítrofes galego-portuguesas. A proxección de Fronteiras faise coa colaboración da Axencia Audiovisual Galega. Mulleres da Raia, de Diana Gonçalves e Miguel Barbosa, exhibirase o mércores día 27. Diana Gonçalves virá a Verín para animar un coloquio sobre sobre a situación da muller, coa fronteira e na actualidade, nas comarcas limítrofes galego-portuguesas. Colaboran no coloquio sobre a muller  a Federación de Mulleres Rurais (FEMURO), a Asociación de Muller e Consumo “Airiños da Terra”,  o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Verín, a Oficina de Atención ao Inmigrante do Concello de Verín e a Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil


Ler, ler; falar e amizar clausurarase cun coloquio dedicado á obra Arraianos, que servirá para reflectir sobre raia e Literatura. Xosé Luis Méndez Ferrín, que estaba previsto que participase, por un cambio na axenda de actividades da Real Academia Galega, da que é presidente, non poderá participar no coloquio. A Ferrín substituirao Anxo Angueira, profesor na Universidade de Vigo, que está considerado como a persoa máis solvente en Galicia para falar sobre a literatura de Ferrín. Á novela Bretaña, Esmeraldina, de Xosé Luís Méndez Ferrín, dedicoulle Anxo Angueira a súa tese de doutoramento. No coloquio sobre raia e Literatura colaboran os IES Xesús Taboada Chivite e García Barbón e o Clube de Lectura da Biblioteca Pública Municipal.