O artista verinés Álex Araújo Álvarez, elixido pola organización do FIC Vía XIV para crear a peza que recoñecerá o Premio Especial do Público 2023 Imprimir
Xoves, 25 Maio 2023 11:39

“Artista integral, cunha especial paixón pola pintura e pola escultura, e firme defensor dos animais e dos seus dereitos”. Deste xeito defínese a si mesmo o verinés Alex Araújo Álvarez, de 29 anos, creador ao que este ano a organización do FIC Vía XIV encargou a elaboración da peza que recoñecerá ao director ou directora en quen recaia o Premio Especial do Público. Trátase do galardón que se entrega á curta mellor valorada polos asistentes ao festival a través das súas puntuacións, polo que “posúe un gran valor simbólico”, relata Carlos Montero, director do certame.


Cada ano, os responsables do festival de curtas, que neste 2023 se vai desenvolver na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro, elixen a un creador local para que elabore esta peza coa finalidade de “contribuir a visibilizar o talento artístico existente na localidade, especialmente o emerxente”, indica Montero.

Verín, territorio Bansky

A escolla de Araújo prodúcese despois da grande aceptación que tivo a súa participacion no proxecto “Verín, territorio Bansky”, ao abeiro do cal se rehabilitaron 23 espazos degradados, principalmente muros emprazados no casco vello da vila (pero tamén noutros lugares), con facsímiles das obras máis representativas do famoso artista británico, coñecido pola súas impactantes creacións de arte efímera. O resultado final posibilitou que diferentes recunchos de Verín luzan agora con vistosos e coloridos murais.

“Foi un proxecto fundamental para impulsar a miña carreira artística”, sinala Araújo, quen considera que estes murais contribuíron a eliminar “o feísmo existente nalgúns puntos concretos da localidade”.

Sobre o Premio Especial do Público 2023

En relación á creación que está a ultimar para o Premio Especial do Público do FIC 2023, Alex Araújo afirma que nace da paixón que sente polos animais. Deste xeito, fíxose con cráneos de porcos mortos -aos que someteu a un exhaustivo proceso de desinfección e limpeza- co obxectivo “de dar unha segunda vida a estes órganos, que un día pertenceron a animais vivos” e está a transformalos en testas de dragón.

Cun traballo minucioso, delicado e moi paciente, de xeito manual e moldeándoos con arxila, Araújo dalle unha nova forma a estes cráneos e revísteos de vistosas cores negras e douradas para reproducir a forma da cabeza dun dos seres mitolóxicos máis interiorizados no imaxinario colectivo: o dragón.

O dragón e o cinema

“O dragón foi sempre e seguirá sendo inspiración de multitude de relatos literarios, moitos dos cales foron levados ao cinema, e tamén centrou guions de relevantes filmes do xénero fantástico e de ciencia ficción como pode ser o caso de Dragones y Mazmorras ou La Historia Interminable, polo que a idea de Araújo casa á perfección coa dun festival coma o noso, que pretende poñer en valor a maxia do cine como canle de expresión artística ente a sociedade”, destaca o director do FIC Vía XIV.

Araújo afirma sentirse “moi orgulloso e honrado” de ter sido escollido pola organización do  FIC para crear este premio posto que se trata dun festival, ao seu xuízo, “moi relevante para dinamizar culturalmente Verín e que conta xa cunha sólida traxectoria tras sete edicións  celebradas”. “Estou encantado de unirme ao grupo de artistas locais que deseñaron o premio en convocatorias anteriores”, sinala Araújo. Entre estes creadores figuran nomes como Fernando Barreira, Xosé Gómez Rivada, Gerardo Fernández, Javier Yáñez ou Rubén Pedreira.