O FIC Vía XIV 2023 programará pezas audiovisuais e actividades paralelas específicas que poñan o foco na loita contra o cambio climático e a sostibilidade Imprimir
Mércores, 29 Marzo 2023 11:47

A VIII edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, xa ten datas. Desenvolverase na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro. Este ano, como principal novidade, a organización decidiu poñer o foco dunha das categorías oficiais do certame -a denominada Horizontes- en programar curtas que teñan como obxectivo chamar a atención sobre a sostibilidade e a urxencia de tomar medidas que axuden a paliar o cambio climático, ademais de manter a recepción de curtas baixo a premisa habitual desta categoría. Ao respecto desta cuestión, tamén se promoverán accións paralelas específicas dentro da axenda do FIC 2023.


Segundo se sinala nas bases do FIC Vía XIV 2023, “recentes estudos alertan de que, na actualidade, xa se sobrepasou o limite planetario de contaminación ambiental e sobreexplotación de recursos naturais, provocando danos que poden ser irreversibles nos seres vivos e nos ecosistemas do noso planeta”. Polo tanto, o FIC dá un pequeno xiro para se centrar nos horizontes invisibles máis relevantes aos que debe facer fronte o ser o humano e a cuestión da crise climática e a aposta pola sostibilidade constitúen, neste sentido, dúas premisas fundamentais.

Neste contexto, a organización do Festival Internacional de Curtas de Verín considera preciso facer reflexionar aos seus espectadores e espectadoras sobre o que “se considera que é a última e máis importante fronteira á que se enfronta a humanidade, o impacto do ser humano na natureza e no cambio climático”.

Xunto a isto, intensificarase na vindeira edición do certame a oferta para os cativos e cativas a través dunha nova categoría infantil que se engade ás tradicionais (Horizontes, A Raia e Nova). As curtas presentadas a concurso nesta categoría non poderán exceder dos dez minutos de duración. As bases desta VIII edición do FIC xa poden consultarse na web ficviaxiv.com.

 

O FIC, un contedor cultural

“A nova edición do FIC, que terá lugar a finales do verán, vai afondar na liña iniciada o ano pasado. Neste sentido, potenciarase a axenda de ocio e lecer arredor do certame para que este actúe como un contedor no que caiban propostas culturais diferentes, máis aló do cinema”, resalta Carlos Montero, director do festival.

 

“Xunto a isto, apostamos por darlle máis protagonismo ás actividades que mellor funcionaron sempre en termos de afluencia e de público. Unha delas, sen dúbida, é a da programación infantil. Por iso, este ano deseñamos unha categoría propia dirixida aos cativos e cativas”, abonda Montero.

 

A habitual programación para a cativada, que habitualmente deseñaba a organización do FIC, evoluciona, pois, este ano cara a unha categoría propia dirixida aos máis pequenos co obxecto de “amosarlles curtas recentes para que se familiaricen co cinema e coas últimas tendencias”, destaca Montero. Paralelamente, a organización do FIC Vía XIV buscara sinerxias coas ludotecas da comarca para procurar a participación do maior número posible de nenos e nenas.

 

Requisitos das pezas que se presenten a concurso

As curtas que se presenten a concurso na edición de 2023 teñen que cumprir o requisito de teren sido realizadas con posterioridade a xaneiro de 2021. A participación no concurso é aberta e pode participar nel calquera persoa, amateur ou profesional, de calquera nacionalidade. Aceptaranse unicamente películas inferiores a 31 minutos e a organización decidirá en que categoría encadrará cada filme.

 

Non se aceptarán videos publicitarios ou comerciais e as obras enviadas con anterioridade ao FIC Vía XIV quedan excluidas. A taxa de inscrición da candidatura é de tres euros e farase a través dunha plataforma tipo Festhome.

 

Para a súa posible preselección, as obras deben subirse no seguinte formato: MPEG4 AVC (codec H264), taxa máxima de transferencia de bits de 3000 kbps, audio: AAC., subtítulos incrustados e resolución mínima de 480 p. As películas en idiomas diferentes ao castelán ou galego deberán incluir subtítulos en castelán, galego ou inglés.

 

Pódense consultar as bases polo miúdo, coas categorías do concurso e os premios concibidos, na web do certame