O Auditorio de Verín acolle a representación da obra “Asemblea xeral”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Sarabela Teatro Imprimir
Mércores, 22 Marzo 2023 16:02

O 2 de abril, ás 18:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá a representación da obra “Asemblea xeral”, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Sarabela Teatro.

“Asemblea xeral” é un espectáculo dirixido a un público familiar. O texto orixinal está baseado na fábula “Os animais con peste” da Fontaine, na que se poñen en evidencia os mecanismos de poder que presiden os réximes sociais autoritarios.

Unha enfermidade de causas descoñecidas espállase polo mundo e os animais?da selva buscan un culpable para calmar a cólera celestial… Convencidos de que o sacrificio dun deles reestablecerá o equilibrio e devolverá a saúde a todos, planean un xuízo no que cada animal confesará as súas culpas. Pero, como confiar na xustiza impartida só polos poderosos, pensa a Gata? De verdade que a solución a calquera conflito pasa por establecer unha fronteira entre bos e malos? Débiles e poderosos?

A peza escrita por Lauro Olmo e Pilar Enciso advirte a nenos e maiores sobre os perigos dos abusos do poder, cuestiona os mecanismos da xustiza e pon o acento na necesidade de educar para a paz, nos valores democráticos  como garantía para unha convivencia feliz e respectuosa entre iguais. Nesta versión actualizada, achegamos o espírito desta obra aos máis nenos, colocándoos no centro da peza e ateigando cada liña, cada escena, de xogos, de música, de brincadeiras… para garantir a reflexión e a diversión a partes iguais.

Entrada libre e gratuíta ata completar aforo.