O novo Museo de Verín contará cun Centro do de Divulgación do Viño de Monterrei de 500 m2, varias coleccións únicas no mundo, un centro de educación ambiental e un auditorio musical ao aire libre Imprimir
Martes, 21 Marzo 2023 12:23

Edificio Recaredo Interior 1 Verín multiplicará expoñencialmente o seu papel de escaparate ao mundo dos viños de Monterrei cos 500 m2 do Centro de Difusión do Viño de Monterrei, que se ubicará na antiga adega de Recaredo Romero, nas traseiras do edificio modernista do mesmo nome.  O novo Museo de Verín dotarase tamén de fondos propios co patrimonio da comarca, coleccións únicas e un centro de divulgación medioambiental do Val do Támega.



O Concello de Verín adquiriu onte oficialmente o histórico inmoble, financiado integramente polo Fondo de Cooperación para o Apoio ao Financiamento de Actuacións de Rehabilitación e Conservación do Patrimonio Construído en Concellos de menos de 50.000 habitantes, da Xunta de Galicia, cun crédito para amortizar a sete anos.

O empresario Recaredo Romero foi un pioneiro na modernización do viño de Monterrei, e xogou un papel fundamental na creación da Cooperativa de Monterrei. Agora, a súa adega comercial, ubicada na parte posterior do complexo comercial dos Almacén Recaredo Romero, albergará un pioneiro Centro de Difusión do Viño de Monterrei, dentro do conxunto de instalacións do novo Museo de Verín.

Unha exposición interactiva dos viños de Monterrei, unha moderna sala de cata e presentación de viños e cursos, un espazo adicado aos emprendedores e adegueiros de Monterrei e un espazo mostral, susceptible de converterse en plataforma comercial, serán os eixos dun centro do viño que será punteiro en toda España.

“Os viños de Monterrei son un dos valores do futuro económico da comarca”, afirmou o alcalde, Gerardo Seoane, “e o mellor favor que podemos facerlle desde a capital comarcal e  ensinarllos e explicarllos a todos e cada un dos visitantes que pasan pola vila”.

Neste sentido, o novo centro museístico tentará repetir o éxito da anterior sede na Mercé, que propiciou máis dunha ducia de exposicións sobre a orixe do viño en Monterrei, os seus identificadores aromáticos, técnicas de cata e cursos da Universidade Nacional a Distancia, logrando unha ampla afluencia de público e varias nominacións a premios e citas mesmo na revista National Geographic.

O novo museo profundizará na colaboración co Museo do Viño de Galicia para a realización de actividades formativas e de divulgación dos viños de Monterrei, albergando exposicións e cursos que sirvan para ampliar a cultura enolóxica na nosa comarca.

Novo Museo de Verín

O edificio Recaredo Romero proporcionará 1.042 metros cadrados útiles para os novos espazos expositivos de Verín. Logo do exitoso xermolo que supuxeron os primeiros cinco anos co antigo museo ubicado na Mercé, con máis de 33.000 visitantes, o co valor como atractor turístico e difusor da identidade de Monterrei como obxectivo, o novo Museo de Verín comezará a elaborar a súa propia colección de elementos patrimoniais da comarca, para a súa conservación e divulgación no propio territorio.

Así, tomando como referencia as pezas que no seu día catalogaron os arqueólogos Nieves Amado e Alberte Reboreda no libro publicado polo Concello de Verín “A historia de Verín en 100 obxectos”, o novo Museo de Verín comezará unha ambiciosa  recompilación  de pezas patrimoniais da comarca para a súa custodia, exhibición e conservación.

Ademais da colección permanente de patrimonio para conservar a memoria da comarca, os espazos adicados á divulgación gardará un apartado especial á obra de Taboada Chivite, Eloi Lois André e outros investigadores de Verín, difundindo e integrando nos fondos permanentes as súas obras principais e os elementos orixinais susceptibles de seren conservados.

O novo centro, que compoñen dúas salas de exposición na primeira e segunda planta, máis os espazos superiores,  contará 1.042 metros cadrados para a exhibición das colección permanentes e das mostras temporais.  O edificio modernista é unha das xoias do arquitecto Daniel Vázquez Gulías, autor entre outros do Balneario de Cabreiroá e do da illa da Toxa, e está “chamado a ser un importante atractor turístico para Verín”, segundo o alcalde, “ademais de servir de plataforma para orientar e redirixir aos visitantes cara os recursos da comarca de Verín”.

Ademais da conservación e da divulgación do importante patrimonio da comarca, o Museo de Verín asumirá  a función da dinamización medioambiental, grazas á unhas instalación con moitas máis posibilidades e espazo que no antigo centro.

O Museo de Verín iniciará un traballo de localización da recompilación das pezas patrimoniais de relevancia para a comarca, tanto do eido antropolóxico como material, que actualmente se atopan dispersas ou sen protexer e expoñer adecuadamente.

Así, o centro albergará diversas mostras relativas á biodiversidade, especialmente á relacionada co río Támega, así como á xeoloxía e a natureza da comarca.  Aprofundando na colaboración xa establecida co Centro de Difusión Ambiental de Galicia, CEIDA, e con actores públicos e privados, o Novo Museo de Verín procurará a implicación dos axentes escolares na divulgación ambiental e na formación dos futuros verineses nos eidos relativos ao medio ambiente e á súa conservación.

Edificio Recaredo Interior 2 Dinamización do casco vello

Como complemento a estas actuación, o novo Museo de Verín contará cun auditorio ao aire libre no patio dos antigos almacéns Recaredo Romero, ao carón do Centro do Viño e por tras das instalación museísticas, destinado a actuacións musicais ou formativas, que terán un atractivo dinamizador para o casco vello.

Nese sentido, cabe destacar que un dos principais activos do museo será albergar unha importante colección musical que fará de Verín un dos referentes internacionais da música folk. Trátase do Centro Internacional da Cornamusa, que albergará a maior colección de gaitas do mundo, con exemplares centenarios e modernos, procedentes de máis dun cento de países onde este instrumento ten unha fonda tradición.

Esta colección procurará converter a Verín  nun referente internacional da música tradicional do Arco Atlántico europeo, así como da cultura e da difusión do folclore europeo. O museo albergará  exposición permanente da que posiblemente é a colección privada máis importante de gaitas do mundo, xunto con importante documentación, fondos sonoros e manifestacións artísticas relacionadas, que servirán para crear o Museo Internacional da Gaita.

A importancia histórica da música tradicional, concretamente da gaita, na comarca de Monterrei xa fora estudiada polo musicólogo e director da Real Banda de Gaitas de Ourense Xosé Lois Foxo en numerosas ocasións, dada a abundancia de testemuñas desde a Idade Media, a presencia de gaiteiros no retablo da Igrexa dos Remedios (obxecto hai catro anos da exitosa exposición “Verín, En Clave de gaita” no Museo do Claustro Mercedario) e a actual vocación gaiteira no Val do Támega.

O consistorio e Xosé Lois Foxo ultiman un modelo de cooperación para acoller tan importante fondo -que abrangue os mellores estudos, documentación e gravacións da historia da música folk galega desde que o histórico estudoso Fourier comezase a recompilar as cantigas tradicionais con notación musical- que permita albergar, conservar, difundir e interpretar os centos de pezas que abrangue a colección.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA