O Pleno de Verín ratifica a adhesión ao convenio que regula a Agrupación de Concellos para desenvolver actuacións de mellora do saneamento no curso alto do Río Támega Imprimir
Mércores, 08 Febreiro 2023 13:35

O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu esta mañá unha sesión extraordinaria urxente na que se aprobou por unanimidade a adhesión ao convenio que regula a Agrupación de Concellos para desenvolver actuacións de mellora do saneamento no curso alto do río Támega. O obxectivo deste acordo é mellorar os servizos de abastecemento e tratamento das augas residuais.

O val do río Támega, e os Concellos que o conforman, están decididos a mellorar os servizos de abastecemento e tratamento das augas residuais «por ser este, seguramente, o problema máis destacado en relacións aos servizos que prestan e son da súa competencia», explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Durante os últimos anos téñense realizado algunhas melloras tanto na captación como no tratamento, pero claramente insuficientes para garantir unha adecuada prestación dos servizos. É así que se teñen asinado convenios coa administración hidráulica de Galicia para poder recibir un caudal adecuado e non sometido ás inclemencias climáticas. A súa vez tense negociado e asinado un acordo coa Confederación Hidrográfica do Douro que permitirá enmarcar as actuacións no ámbito do saneamento, que nos próximos anos temos que abordar dunha maneira conxunta, coordinada e efectiva.

Na pasada sesión plenaria do 12 de decembro de 2022 foi aprobada inicialmente esta adhesión á Agrupación de Concellos para desenvolver actuacións de mellora de saneamento no curso alto do río Támega a través da sinatura dun convenio, quedando hoxe aprobada definitivamente tras corrixirse unha serie de erros na redacción do mesmo.