O Concello de Verín elabora o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2023 Imprimir
Venres, 03 Febreiro 2023 10:57

Onte pola mañá, na base de Protección Civil de Verín, tivo lugar a reunión de coordinación do Entroido de Verín 2023.


 Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver dende o ano 2013, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2023.

 

Devandito plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

 

O plan contempla ás seguintes medidas:

  1. Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia que colaborarán nesta edición dos festexos: Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Verín, A Gudiña, A Coruña e Ferrol, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Axencia Galega de Emerxencias e a Empresa Ambulancias Sil.

 

  1. Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:

 

a) Domingo Corredoiro: Dende as 10:30 horas haberá cortes de tráfico, por parte da Policía Local e Protección Civil, na N-525 (dende Avda de Castela ata o cruce con rúa Lisa, por mor do desfile dos Cigarróns. Ademais haberá equipos de Protección Civil ubicados na praza García Barbón.

 

 

b) Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento, por parte da policía local, para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile (co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención). Contarase tamén con voluntarios de protección civil e unha ambulancia.

 

c) Xoves de Comadres: este dispositivo contará con preto de 45 efectivos entre Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de A Coruña e Protección Civil Ferrol. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario medicalizado, situado na rúa Lisa con gran capacidade e con dúas ambulancias.

 

d) Venres de Compadreo: Varios efectivos da Policía Local e Voluntarios de Protección Civil acompañarán ós centos de persoas que percorren as diferentes rúas da vila xunto cos carros do compadreo. Tamén contarase coa presenza dunha ambulancia.

 

e) Sábado de Entroido: realizarase  un preventivo a noite do sábado no que se contará cun posto sanitario na rúa Lisa e unha ambulancia.

 

f) Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. O  horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será: o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas. Ambos desfiles contarán co servizo de ambulancia por se fora necesario.

 

3. Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2023 realizouse un programa de información xeral ao público que consta das seguintes actividades preventivas:

 

a)     No tríptico e no libro do Entroido, que se reparte entre os veciños e visitantes, incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto. Esta información está tamén na nova App do Entroido de Verín.

 

b) Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.

 

 

Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.