Verín proxectará “Welcome to ma maison” no marco do Ciclo Mestre Mateo Imprimir
Luns, 06 Xuño 2022 11:07

 O Concello de Verín continúa coas proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, un circuíto de cinema galego impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense,  dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.

A  cuarta cita será o xoves 16 de xuño,  ás 20.30 horas, coa  proxección  do documental Welcome to ma maison no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, lugar no que terán lugar todas as exhibicións programadas no marco desta iniciativa. (Os filmes proxectaranse mensualmente ata novembro, exceptuando os meses de xullo e agosto, sempre con carácter gratuíto).

Welcome to ma maison é un documental experimental, dirixido por Andrés Goteira, construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real.

Igor NON quere atracar unha xoiería. Igor NON está obsesionado cas mans. Igor NON é fan do director Nicolas Winding Refn. Igor NON viste xerseis de nadal. Igor NON é Igor (e isto NON é un falso documental). Welcome to ma maison é unha longametraxe que inicia unha viaxe a Los Ángeles para coñecer ao director Nicolas Winding Refn e, ó non atopar o seu rumbo, camiña cara o interior do seu protagonista percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe.

Ciclo Mestre Mateo

A programación do Ciclo Mestre Mateo ofertada está composta polas películas ?nalistas nos Mestre Mateo, os premios do audiovisual galego, uns galardóns que destacan as obras de maior calidade na produción audiovisual do ano, organizados tamén pola Academia Galega do Audiovisual.

O obxectivos principais da iniciativa son achegar o audiovisual galego aos concellos, vilas e centros galegos do exterior aos que habitualmente non chegan as producións que participan nos Premios Mestre Mateo, facilitar o acceso da cidadanía a unha programación cultural de calidade con produción galega e favorecer o achegamento á nosa cultura e o noso idioma a través do audiovisual.