O Concello de Verín presenta aos fondos Next Generation o seu proxecto de rehabilitación do Balneario de Caldeliñas Imprimir
Venres, 27 Maio 2022 11:31

 O Concello de Verín presentará no marco das accións de rehabilitación (incluídas no programa Pirep Local) postas en marcha polo Goberno de España dentro dos Fondos Europeos Next Generation o seu proxecto de rehabilitación do Balneario de Caldeliñas. Este proxecto supón un investimento total de 1.043.044,91euros; sendo o a porcentaxe estimada subvencionable  polo programa entre 80 e 90 por cento do mesmo.

Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a rehabilitación do balneario histórico consiste na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. «O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, e un aproveitamento real das nosas augas mineromedicinais, recurso tan extraordinarios como desaproveitado nas últimas décadas». Ademais, neste caso, o grupo de goberno quere recuperar e protexer o patrimonio cultural vinculado ao balneario de Caldeliñas. «aspiramos á recuperación da protección legal do patrimonio arquitectónico vinculado a este balneario no referido ás ruínas da antiga Casa de Baños das súas instalacións complementarias e do seu contorno».

A rehabilitación que se expón para os dous edificios que conforman o balneario histórico consiste  na  mellora das  súas  infraestruturas  coa  finalidade de posibilitar a  súa apertura  ao público de  maneira permanente como museo e sala de exposicións.

Conservarase a estrutura orixinal do edificio restaurando os seus muros e reforzándoos nos puntos onde sexa preciso. Na zona sen bañeiras colocarase un novo pavimento, mentres que na zona de baños encargarase a fábrica un azulexo igual ao existente coa finalidade de reconstruír esta zona coa súa imaxe orixinal.

A través dunha visión didáctica e coidada, e facendo uso das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas, o museo ofrecerá materiais informativos sobre o primeiro contacto cos habitantes da comarca e a súa historia. Ademais, tamén terá espazo para realizar exposicións temporais dedicadas á concienciación e interpretación da natureza así como para numerosas actividades buscando dinamizar a actividade cultural e patrimonial e loitando por crear «esa identidade común tan necesaria na comarca».