36 finalistas nos certames literarios de poesía e relato curto organizados polo Concello de Verín Imprimir
Venres, 20 Maio 2022 11:40

 En total, trinta e seis alumnos e alumnas de catro centros educativos da comarca de Verín son finalistas no Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez, iniciativas que promove o Concello de Verín no marco das actividades programadas para conmemorar o Día das Letras Galegas. Os certames contan, un ano máis, coa colaboración de Gadis. Este ano, como novidade a gala contará cun Recital poético-musical, con soporte audiovisual, no que o actor valdeorrés Paco Campos recitará (e musica) unha serie de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.


Na gala músico-literaria, que terá lugar o vindeiro xoves 26 de maio (ás 19:00 horas) no Auditorio Municipal de Verín, recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e se lerán as narracións premiadas no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez.

No acto entregaranse premios de 90 euros (primeiros), 60 euros (segundos) e  30 euros aos terceiros  clasificados en cada unha das tres modalidades dos dous certames literarios. Os premios en metálico están financiados integramente polo Concello de Verín, institución organizadora. A todos os finalistas entregaráselle un diploma e un lote de libros, financiados polo Concello de Verín e Supermercados Gadis.

Os centros participantes este ano no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e no  Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez foron o CEIP Plurilingüe Amaro Refojo o Colexio Plurilingüe María Inmaculada, o IES Castro de Baronceli e o Colexio Apostólico Mercedario.

Á fase final dos certames chegaron un total de 36 persoas. No Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez pasaron un total de 19 narracións, 6 en Primaria, 5 en 1º e 2º de ESO e 8 en 3º e 4º de ESO. Finalistas do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro foron 17 os poemas finalistas, 4 de Primaria, 5 de 1º e 2º de ESO e 8 en 3º e 4º de ESO.

Recital Músico Literario

O actor valdeorrés Paco Campos recitará (e musicara) durante a gala unha serie de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022. Será un breve pero intenso percorrido por algúns dos versos máis representativos do autor: dende os seus comezos en Córgomo, con poemas optimistas e vitais, nos que amosaba o seu amor pola paisaxe, o viño e as xentes de Valdeorras, pasando por unha etapa escura e case descoñecida (e, moitas veces, intencionadamente agochada) de poeta comprometido e loitador, onde nos mostra unha vea satírica sorprendente, ata os poemas do exilio en México, nos que a nostalxia da Terra non impide a creación dunha obra mestiza e crioula de forte alento telúrico, pouco habitual na nosa literatura.

Palabra e música serán complementadas e potenciadas cun soporte audiovisual elaborado polo director tamén valdeorrés, Domingo D. Docampo, autor de “O castiñeiro morto”, unha curtametraxe de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, que será proxectada previamente ao recital.