Un fenaquitoscopio, que produce ilusión de movemento, base da imaxe gráfica do cartel ilustrador da VII edición do FIC Imprimir
Mércores, 27 Abril 2022 13:15

 A VII edición do FIC Vía XIV de Verín, que terá lugar do 31 de agosto ao 04 de setembro, conta xa con cartel ilustrador. É obra do xoven creador local David Rivada e baséase na conxunción dun fenaquitoscopio, elemento circular que produce ilusión de movemento, misturado con efectos ópticos modernos. Os dous elementos circulares da imaxe unidos conforman unha bobina de cine. “Cando me escolleron non tiña para nada claro como ía realizar o traballo”, sinala Rivada, quen afirma que “ilusionismo” e “cinema” comparten moito en común  e os dous elementos están na base da súa proposta ilustradora.


“Ningunha das decisións tomadas no deseño foi froito da casualidade”, admite o autor do cartel. “Un cartaz non é un elemento que se mova”, abonda Rivada. “Porén, este cartaz móvese”, apostila. Deste xeito, ao mirar para el dá a impresión de que os discos que conforman a ilustración están en movemento.

Autores locais

“Tentamos contar con autores e artistas locais para que realicen o cartel ilustrador de cada unha das edicións do Festival Internacional de Curtas de Verín”, destaca Carlos Montero, director do certame. “Nesta ocasión depositamos a confianza no xoven David Rivada e, sen dúbida, o resultado obtido é moi creativo e moi enxeñoso”, afirma.