Verín presenta a súa programación de Nadal con trece propostas de ocio, cultura e dinamización do comercio local Imprimir
Xoves, 02 Decembro 2021 12:27

 Esta mañá, a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, xunto co xerente e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), Xosé Ángel Rodicio e Santos Álvarez, presentaron o programa de actividades para este Nadal. Serán, un total de trece ofertas de lecer, cultura e dinamización do comercio local  deseñadas para o goce de todos os públicos, que se estenderan desde o sábado 4 de decembro ata o domingo 8 de xaneiro do 2022.

«Con estas actividades, e tras un ano marcado pola pandemia», explicou Emilia Somoza, «desde o executivo local queremos devolver a ilusión ás veciñas e veciños de Verín nestas datas tan especiais  do Nadal». Somoza quixo tamén facer un chamamento cidadán á responsabilidade de todos para que se cumpran as medidas de prevención establecidas e se minimice o risco de expansión da COVID-19.

Desta forma, Nadal e Cultura únense nunha programación que arrinca este ano coa a súa Feira de Nadal, a inauguración do tradicional Belén da Viruca e tamén co acendido da iluminación da vila. «Este ano preparamos unha decoración urbana de Nadal moi especial, deseñada especialmente para que a cidadanía  poida gozar das súas rúas, do comercio local e da hostalería coa súa familia e amizades».

Terá un papel moi espacial na axenda de Nadal deste ano a música e as artes escénicas. «Contaremos cun total de seis actuacións de primeiro nivel enfocadas a todos os públicos». Para os máis pequenos da casa, Os Bolechas e os  Quebranoces e  Gisela – Disney Kids; e para un público máis familiar contaremos coas actuacións do Conservatorio de Música de VerínEmilio Rúa, a Banda de Gaitas  Nova Era e un concerto tributo a  Il Divo da man de  L´yberic Crescendo.

Ofrecerase tamén, como todos os anos, o Servizo de ludoteca “Ludonadal” dirixido a meniños e meniñas, con  idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos,  co  obxecto de facilitar a conciliación dos pais e  nais e proporcionar  aos menores un  espazo de  lecer durante  as  vacacións de Nadal.

Sen dúbida, o broche estrela desta edición será a Gran Cabalgata dos Reis Magos. Este ano o nenos e nenas de Verín poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres magníficas carrozas con animación musical  na  que  súas  maxestades, os Reis Meigos de oriente,  percorrerán   as  rúas de Verín  nunha espectacular cabalgata. A roteiro finalizará  na  Praza  do  Concello,  onde  terá lugar un espectáculo familiar de vídeo proxección  na fachada da casa consistorial, e unha chocolatada para todos e todas.

Actividades de Dinamización do Comercio Local

Outro dos piares fundamentais da programación de nadal serán as actividades destinadas á dinamización do comercio local organizadas pola Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), en colaboración co Concello. Segundo explicou o seu xerente, Miguel Ángel Rodicio, «ademais da campaña anual “Os 6.000 de Verín”, organizamos dúas actividades destinadas ao público infantís como son varias xornadas de divertidos xogos inchables e pasarrúas con temática de  nadal que  encherán de música e  cor  as  rúas de Verín durante todas as festas».

 

Programa completo

  • Do 20 de outubro ao 26 de decembro | OS 6.000 de Verín

Campaña organizada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER) en colaboración co Concello de Verín destinada a promover as ventas nos seus establecementos integrados, que entregarán boletos para participar nun sorteo (que terá lugar o día 30 ante notario) aos clientes que realicen compras do 20 de outubro ao 26 de decembro de 2021. O diñeiro deberá ser gastado nos locais que participen na campaña. + info: www.ccaverin.com

Desde 22 decembro ao 7 de xaneiro | LUDONADAL

Pavillón Municipal de Deportes, de luns a venres, de 10,00 horas ata as 14,00 horas, e dende as 16,00 horas ata as 20,00 horas.

Servizo de ludoteca  dirixida a nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.

  • Do 8 de decembro ao  9 de xaneiro | BELÉN DA VIRUCA

Salón parroquial. Horario: De luns a venres: 17:00 a 20:00 horas | Festivos: 12:00 a 13:00 horas

Belén de gran tradición familiar que mostra a veciños e veciñas e visitantes escenas típicas da tradición relixiosa e elementos da actualidade galega. Un Belén que é posible grazas á dedicación desta familia e a colaboración da Uap de Verin.

 

  • Ata o 6 de xaneiro | PASARRÚAS TEMÁTICOS

Praza da Mercé, Praza García Barbón e Praza do Concello

Pasarrúas con temática de nadal encherán de música e cor as rúas de Verín. Actividade de Dinamización do Comercio Local organizada por AEVER en colaboración co Concello de Verín.

 

  • 27, 28, 29 E 30 de decembro | XOGOS INCHABLES

Praza da Mercé, Praza García Barbón e Praza do Concello

Actividade de Dinamización do Comercio Local organizada por AEVER en colaboración co Concello de Verín.

 

  • 4,5,6,7 e 8 de decembro | FEIRA DE NADAL

Praza García Barbón. Horario: de 10 a 22 horas

Mercado temático con postos de artesanía, alimentación, decoración, regalos e doces. A feira contará tamén con animación musical diaria e cun espazo dedicado aos máis pequenos da casa que recibirán a visita de dúas das figuras  máis tradicionais do Nadal, como son o Apalpador e Papa Noel. Desde o luns 6 ao mércores 8 decembro, estará dispoñible o servizo de conciliación familiar “Ludonadal” no que os nenos e nenas poderán gozar de divertidas actividades lúdicas.

  • 18 de decembro | CONCERTO CMUS DE NADAL

19:00h no Auditorio Municipal de Verín

Actuación de alumnas e alumnos do Conservatorio Elemental de Música de Verín con repertorio clásico e de do Nadal. Neste concerto actuará o alumnado de todas as especialidades do conservatorio así como a Orquestra Infantil, o Coro e a Banda de Música.

  • 25 de decembro | CONCERTO EMILIO RÚA

19:00 h no Auditorio Municipal de Verín. Entradas 5 euros, dispoñibles ataquilla.

Espectáculo musical de Panxoliñas revisadas e versionadas por Emilio Rúa dun xeito moi actual e moderno respectando a composición tradicional. Un concerto íntimo e entrañable especial para desfrutar e cantar en Nadal.

  • 26 de decembro | OS BOLECHAS E OS QUEBRANOCES

18:00h no Auditorio Municipal de Verín. Entradas: 5 euros, dispoñibles ataquilla

Os Bolechas presentan un novo espectáculo para a toda a familia... Unha trepidante aventura chea de diversión que atrapará á cativada desde os primeiros instantes...

  • 2 de xaneiro | CONCERTO DE NOVA ERA (CONCERTO POSPOSTO)

19:00 h no Auditorio Municipal de Verín. Entradas: 3 euros, venta presencial no Auditorio de Verín

A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música  Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega.

 

O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por  instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.

  • 5 de xaneiro | GRAN CABALGATA DOS REIS MAGOS E ESPECTÁCULO FAMILIAR DE VÍDEO PROXECCIÓN

A partir das 18:00 horas. Saída | Chegada a Praza do Concello e comezo do espectáculo familiar de vídeo proxección.

As súas maxestades, os Reis Magos de oriente percorrerán as rúas de Verín nunha espectacular cabalgata. A ruta finalizará na Praza do Concello, onde  terá lugar un espectáculo familiar de vídeo proxección na fachada da casa do concello.

 

  • 6 de xaneiro | L´YBERIC CRESCENDO (CONCERTO TRIBUTO IL DIVO) - CONCERTO POSPOSTO

19:00 horas no Auditorio Municipal de Verín. Entradas: 10 euros, dispoñibles ataquilla

Grupo lírico-vocal formado por tres novos cantantes con dilatada experiencia sobre os escenarios. Composto por dous tenores e un barítono ( Nestor Martorell, Juan Ledesma e Edgar  Abramian) ofrecen un espectáculo renovado con cancións que recollen desde as bandas sonoras do cinema ata as mellores baladas do rock de todos os tempos, sempre co selo lírico-sinfónico.

  • 8 de xaneiro | GISELA. DISNEY KIDS ( CONCERTO POSPOSTO)

19:00 horas no Auditorio Municipal de Verín. Entradas: 10 euros, dispoñibles ataquilla

Chega a Verín un espectáculo musical para toda a familia onde Gisela, un fada máxica, carismática e con voz anxelical, introduciranos nun fantástico e apaixonada viaxe de moitas aventuras Disney.