O Concello de Verín dotará ao cemiterio municipal de 450 columbarios Imprimir
Martes, 02 Novembro 2021 14:26

 Coa finalidade de mellorar as instalacións do Cemiterio Municipal de Verín e dando resposta ao crecente aumento de incineracións, o Concello decidiu crear un total de 450 columbarios. Cada un deles terá unha capacidade máxima de seis urnas.


Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, desde hai anos a capacidade dos cemiterios municipais resulta insuficiente para atender ás necesidades do Concello. «O elevado  grao de saturación dos mesmos así como alto índice de  envellecemento poboacional fai necesario prever posibles alternativas coas que contar tanto no presente coma nun futuro cercano. E por isto que crearemos esta nova zona de columbarios e aprobaremos provisionalmente, de maneira inmediata, o Plan especial para a creación do novo cemiterio».

Nunha primeira actuación o Concello de Verín ten previsto construír un total de 75  columbarios, número que se irá ampliando -en base á demanda cidadá- ata chegar aos 450. Cada columbario terá espazo para seis cinzas e estarán ubicados no nexo das zonas nova e vella do cemiterio municipal.

Pola súa banda o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, salientou que, «na actualidade, un porcentaxe elevado das familias escollen a incineración como método para despedir ao seu ser querido. Coa implementación desta nova zona de columbarios damos resposta á demanda actual deste tipo de servizo funerario por parte da cidadanía».

Un  columbario é unha edificación deseñada como un lugar de descanso final para albergar restos cremado. Os columbarios son estruturas permanentes con bancos de nichos de  cremación (similares aos cubículos, pero con frontes seguras) que conteñen urnas de  cremación.


Novo cemiterio

Doutra banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, anunciou tamén que o plan especial para a  execución  do  novo cemiterio xa dispón de todos os informes sectoriais e será aprobado provisional de forma inmediata. O obxecto  deste plan  é ou de crear  unha área dotacional pública  preto  do centro urbano  na que desenvolver o novo cemiterio municipal para satisfacer  as necesidades da  poboación.

O plan especial executarase, desde a súa aprobación definitiva, nunha única fase dun ano de duración. Na mesma levarase a cabo expropiacións pertinentes dos terreos e executaranse o acondicionamento da parcela para a construción do novo cemiterio municipal.

O novo campo santo, estará situado entre as localidades da  Salgueira e Vilamaior e terá una  superficie total de 47.992 metros cadrados.