Hai 3 anos, un actor que acababa de diplomarse en Interpretación e Dirección de Escena non atopaba o seu sitio no complexo mundo da interpretación e decidiu tomar o seu propio camiño, probar sorte coa docencia.
Así nace o primeiro curso de interpretación teatral en Verín que xa leva 3 anos activo, con cada vez máis alumnado e máis repercusión. A pandemia non conseguiu frear estas xornadas formativas, que se adaptaron a nova normalidade ensinando as escenas dos seus alumnos e alumnas a través das redes sociais, así como realizando actuacións presenciais no propio Auditorio Municipal de Verín.
Santi Cañaveral deuse de conta da positividade e da gran oportunidade que isto significa tanto para el, como para seu alumnado e o seu pobo, polo que decidiu crear o seu grupo de teatro propio baixo o nome “Kotodama”, coa intención de transformalo, nun futuro inmediato, na que será a primeira escola de teatro profesional do rural galego.
Kotodama é un proverbio xaponés que significa: espírito da linguaxe ou palabra da alma. Tanto a improvisación, coma a dirección ou a linguaxe corporal son teimas fundamentais nas clases de Santi Cañaveral, que resultan na deconstrución persoal de cada un dos seus alumnos e alumnas.
O grupo de teatro “Kotodama” continuará cas súas clases no Pavillón Municipal de Verín e con máis espectáculos e exercicios neste ano “post-pandemia”. Os interesados en inscribirse no curso de teatro poden facelo chamando ao teléfono 600 234 318.
|