Verín remata a primeira fase do Plan Especial de Limpeza e Desbroce das ribeiras do río Támega acondicionando un total de 480.000 m2 de espazo fluvial Imprimir
Xoves, 01 Xullo 2021 11:43

 O Concello de Verín vén de rematar a primeira fase do plan especial de limpeza e desbroce das marxes do río Támega, que abarcou os tramos comprendidos desde a ponte de Pazos ata nova ponte en construción situado en Queizás; e entre a área recreativa de Tintores e a ponte da N-525 ao seu paso por Verín. Acondicionáronse un total de 480.000 metros cadrados de espazo fluvial.

Os traballos efectuados dentro deste plan buscan a mellora da vexetación de ribeira do Río Támega mediante a retirada de árbores mortas do seu leito, retirada de vexetación invasora e desbroce selectivo en ambas as marxes.

Esta primeira fase, que contou cun investimento de 111.492 euros, estivo dividida en tres intervencións: unha primeira que abarcou desde a ponte de Pazos ata nova ponte en execución situado en Queizás, no paraxe de O Pracer; unha segunda na que se acondicionaron os terreos da marxe do río que abranguen desde o camiño de San Lázaro á Preguiza; e unha terceira, recen rematada, na que se realizaron  labores de limpeza e desbroce na nova zona verde de A Preguiza,  na ribeira verinesa de vilela e en ambas marxes fluviais da área recreativa de Tintores.

«A segunda fase, que será executada a partir setembro, limpará as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal, dotando a vila de Verín dun extenso e fermoso corredor fluvial», explicou Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín.

Segundo Seoane, o obxectivo principal deste plan é acondicionar os espazos fluviais do ría Támega para o seu aproveitamento e goce da cidadanía, sempre preservando as súas funcións ambientais e cauce ecolóxico; «sempre, por suposto,  respectando en perfecto estado a biodiversidade, tanto do propio río como da zona as súas ribeiras». Seoane tamén quixo recordar que o Concello de Verín conta cos permisos correspondentes dos organismos competentes (Consellería de Medio Ambiente e Confederación  Hidrográfica do Douro) para realizar esta actuación.

Ademais, Segundo confirmou o alcalde, o Concello de Verín vén de adquirir, por 20.000 euros, unha superficie de terreo de 20.000 m2, que se suma aos 45.000 m2 xa existentes da nova zona verde da Preguiza. «Está  proxectado que ao longo deste ano sumemos os 25.000  m2 restantes do que será – xunto co de Fontenova- o segundo pulmón verde da nosa vila, cunha extensión total de 90.000 m2».


Proxecto Integral de Reestruturación e  Saneamento  de Verín

Este actuación forma parte do Plan Integral de Reestruturación e  Saneamento de Verín deseñado polo  Concello e que está destinado a completar o correcto funcionamento do ciclo da auga do río Támega ao seu paso por vila. O mesmo suporá un investimento total que roldará os 400.000 euros.

Este proxecto divídese en tres grandes actuacións. A primeira, que xa se atopa en marcha, comprende accións de limpeza e desbroce das ribeiras do río Támega; a segunda, estará enfocada a mellorar saneamento hídrico ao seu paso pola zona urbana; e a  terceira terá como obxectivo o saneamento nos pobos que conforman o municipio.