O Salón de Actos da Casa do Concello acollu a presentación da nova obra de Alberte Blanco Casal «Xeopolítica, pandemia e pos-capitalismo» Imprimir
Venres, 11 Xuño 2021 09:35

Onte tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura a pesentación da nova obra de Alberte Blanco Casal «Xeopolítica, pandemia e pos-capitalismo». O acto foi presidido polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura.


SINOPSE:

Estes son tempos estraños, de cambio e turbulencias, onde os vellos (e novos) paradigmas do librecambismo xa non resultan válidos para resolver os problemas e retos do mundo actual. Nestas circunstancias, a reflexión amósase coma a virtude indispensábel; a que nos permite facérmonos preguntas e intentar comprender a clave do arcano sen deixarnos confundir polos ouropeis da modernidade e as luces de cores do politicamente correcto.
Necesitamos fuxir da trivialidade e centrármonos no esencial: investigar e analizar o alcance do Poder, a súa dimensión real dentro da complexidade do mundo actual, profundando na xénese do sistema capitalista neoliberal e o papel das forzas alternativas nesta encrucillada histórica. Esa é a tarefa que nos propomos iniciar con este libro. Intentar comprender, quizais só albiscar, que forzas moven o planeta e o lugar que nos corresponde no equilibrio de enerxías que determinarán o noso futuro. Chegados a este punto convén advertir que o enfoque que ofrecemos nesta obra non é convencional. Este é un aspecto non secundario porque, en xeral, unha parte significativa da sociedade confórmase con explicacións xenéricas e superficiais, especialmente se veñen amparadas por organismos ou individuos de aparente solvencia política, social, académica, científica ou cultural.
Non obstante, por desgraza, e cada vez máis, resulta difícil distinguir entre a opinión propiamente científica, honesta e obxectiva daquela outra fabricada por quen está ao servizo das grandes corporacións bancarias ou empresariais, con intereses, as máis das veces, non concordantes cos da maioría social. En definitiva, neste libro inténtase enfocar a crise do mundo actual dende unha óptica diferente, achegando datos e opinións que invitan á reflexión crítica e á dúbida intelixente sobre o que nos rodea, deixando en mans do lector a diagnose final.
Alberte Blanco Casal (Cobres-Vilaboa, Pontevedra, 1951), enxeñeiro, profesor de ensino secundario e escritor. Realizou diversas colaboracións co diario dixital Praza Pública, a revista Grial e a publicación periódica do Fórum Galaico Transmontano de Chaves (Portugal). Na actualidade é columnista do xornal Nós Diario. En calidade de Director Xeral de Montes participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia (2006), editada polo Consello da Cultura Galega. Arcadia. Os gardiáns do segredo (2013) é a súa primeira novela. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930. En 2017 Edicións Xerais publica a súa novela O Códice esmeralda, finalista do Premio Xerais de novela en 2015. Tamén en 2017 Sermos Galiza edita a obra colectiva O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? na que participa como poñente e coordinador. En 2019 publica Memorias da brétema, un libro de investigación histórica, crónicas e memorias da infancia. En marzo de 2021 Edicións Xerais publica o seu ensaio Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo