A comisión de control que revisará o proceso selectivo para o posto de traballador social do SAAD celebra mañá a súa primeira reunión Imprimir
Martes, 08 Xuño 2021 15:12

A Casa do Concello de Verín acollerá mañá, ás 10:00 horas, a primeira reunión da comisión de control encargada de revisar o proceso selectivo municipal para a contratación laboral temporal dun traballador ou traballadora social para o Servizo Municipal de Dependencia.


Dita comisión, que estará conformada polos sindicatos, será a responsable de realizar unha revisión pormenorizada de todo o proceso selectivo, así como dá a documentación pertinente, e de emitir o ditame correspondente.

O pasado 14/05/2021, tras reunirse a parte sindical e a concelleira delegada, foron aprobadas pola comisión de control as bases específicas de contratación do traballador/a social para o  SAAD. Nas mesmas sinalábase, entre outras cuestións, a data e hora da realización da proba práctica, que se indicaría posteriormente na listaxe de admitidos/excluídos.

Posteriormente, o 21/05/2021 iniciábase por decreto da concellería delegada de Persoal Réxime Interior e Servizos Xerais o proceso de selección para a contratación dun traballador/a social  SAAD conforme aos criterios e requisitos específicos sinalados na devandita resolución. Este decreto foi publicado, como así dita a lei, no Diario La Región e na sede electrónica do  Concello de Verín o día 24/05/2021.

A proba práctica tivo lugar o 03/06/21 ás 17:00 horas. Unha vez terminada polos aspirantes, o tribunal  cualificador procedeu á corrección da mesma e ao outorgamento das puntuacións correspondentes segundo as bases específicas.

Unha vez terminada a corrección, o tribunal procedeu a redactar a acta de valoración do primeiro exercicio para a contratación do citado servizo, que foi asinada por todos os seus membros presentes.