O Concello de Verín substituíu 2.154 luminarias na primeira fase do seu plan de renovación e mellora da iluminación pública Imprimir
Venres, 04 Xuño 2021 10:29

 O Concello de Verín  vén de rematar a primeira fase de renovación da iluminación pública por luces LED co consecuente aforro e eficiencia enerxética, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. En total substituíronse 2154 luminarias de iluminación pública correspondentes ao centro urbano de Verín e aos  núcleos rurais de  Tintores e Vilela. Esta actuación, que supuxo unha investimento total de 974.728,80 euros,  foi cofinanciada nun 80 por cento (779.783,10 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do  IDAE, e no restante 20 por cento (194.945,7 euros) por fondos municipais.


O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Figalgo, explicou que «coa substitución das luminarias, ademais de renovar o sistema actual sendo máis respectuosos co medio ambiente e de mellorar a iluminación municipal, conseguiremos un gran diminución na factura eléctrica, o que nos permitirá destinar ese diñeiro aforrado a outros proxectos».

As novas luminarias LED instaladas supoñen un importante aforro enerxético xa que necesitan menos da metade de potencia eléctrica para producir a mesma iluminación conseguida coas antigas lámpadas, co que se reduce o consumo eléctrico a máis da metade do actual. Isto débese á alta eficiencia deste tipo de luminarias, próxima ao 90 por cento.

Con esta actuación, o Concello de Verín consegue reducir nun 61,3 por cento o consumo de enerxía eléctrica ( 958.380,5 kw/h o ano) -así como a potencia necesaria nun 61,4 por cento (149,6 kw menos)- nas instalacións municipais, e consecuentemente na factura eléctrica. Adicionalmente, logra tamén unha maior eficiencia e maior vida útil das novas luminarias instaladas axustando as horas de funcionamento as necesidades reais.

Por outra banda, coa redución do consumo de enerxía conséguese que as plantas xeradoras de enerxía diminúan a súa emisión de dióxido de carbono, axudando así a cumprir coas regulacións e directivas ambientais nacionais e internacionais, por exemplo o protocolo de Kyoto.

Por último, cabe destacar a redución da contaminación lumínica obtida axustando os niveis de cada lámpada aos valores establecidos no regulamento, non só conseguimos que a zona se atope o suficientemente iluminada e uniforme para os peóns e condutores, senón que tamén logramos que o ecosistema nocturno sexa o máis parecido ao seu estado natural, permitindo visualizar as estrelas, e que se cumpra o ciclo de crecemento natural das plantas e algúns animais.

SEGUNDA FASE DO PLAN DE RENOVACIÓN E MELLORA DA ILUMINACIÓN PÚBLICA

Nestes momentos, o Concello de Verín xa se atopa executando a segunda fase do plan de renovación de luminarias, coa que se substituirán un total de 1.630 luminarias de iluminación pública existentes por lámpadas  led no resto de núcleos rurais de Verín.

Ao igual que na primeira fase, esta actuación -que suporá un investimento total de 589.674,14 euros,  estará cofinanciada nun 80 por cento (471,739,31 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do  IDAE, e no restante 20 por cento (117.934,83 euros) por fondos municipais.