A Biblioteca pecha o seu ciclo de videoconferencias temáticas con máis de 1.000 visualizacións na súa canle de Youtube Imprimir
Xoves, 03 Xuño 2021 13:46

 Esta mañá, a Biblioteca de Verín clausuraba o seu ciclo de videoconferencias temáticas con presentación do libro “Memorias non silencio” de Eva Mejuto, na que participaron 80 menores do IES Castro  Baronceli e do Colexio Amor de Deus María Inmaculada.



Memorias no silencio

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade. Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial. Eva Mejuto regresa á narrativa xuvenil con Memoria do silencio, finalista do Premio Jules Verne, logo da súa incursión con 22 segundos (Xerais 2017).

Esta conferencia puña o broche final a este novo formato online organizado pola Biblioteca que vía a luz este ano froito da actual situación sanitaria provocada pola COVID 19. O mesmo estivo formado por un total de 7 conferencias temáticas variadas (con 8  relatores e  relatoras) que foron visualizadas por máis dun milleiro de persoas na canle oficial de youtube da Biblioteca Municipal.

Segundo destacou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, «estamos moi satisfeitos co resultado desta iniciativa, tanto pola gran acollida obtida por parte dos centros educativos e o seu alumnado como polo aumento de subscritores logrado na  canle de Youtube da Biblioteca, que se duplicou nestes meses acadando preto das 50.000 visitas».

Pola súa banda, desde a Biblioteca quixeron  «agradecer a súa colaboración aos centros de  ensino, profesores e profesoras,  ao alumnado, aos seguidores que  temos en Youtube,  novos e  antigos, e a  concelleira de Cultura Emilia Somoza porque estivo presente en todas as conferencias que lle foi posible por axenda».