O Auditorio Municipal acolleu a presentación do festival itinerante "Latexos do Rural no Camiño" Imprimir
Martes, 01 Xuño 2021 20:18

Esta mañá, ás 11.30 horas,  de Verín presentouse no Auditorio Municipal esta peregrinación artística co título “Latexos do Rural no Camiño”. O acto, conducido polo director e creador rural Rubén Riós, foi inaugurado en calidade de anfitrioa pola concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Dna. Emilia Somoza. Ela agradeceu a iniciativa, a acollida do acto e indicou “é un orgullo realizar actos culturais”. Rubén Riós aproveitou para agradecer ás institucións, ás entidades colaboradoras e ós artistas desta edición o seu compromiso, a súa loita e entrega por crear dende o rural e sobre todo, convidou a todos asistentes a que “xuntos fagamos que o rural lata máis forte que nunca”.

Presentouse de xeito inédito, o vídeo de presentación desta primeira edición con imaxes exclusivas dos artistas locais que son os protagonistas desta peregrinación artística.

As autoridades dos concellos participantes destacaron a importancia de mobilizar a actividade cultural e convidaron ás Administracións galegas a incentivar este tipo de iniciativas, xa que “axudan non só a dinamizar os nosos concellos, se non a promover a artistas das nosas vilas e aldeas”.

Posteriormente, os artistas tiveron a súa quenda e, Carmen Rivero, aproveitou para recitar os versos do seu poema “Gallaecia”. Todos os participantes destacaron a súa necesidade de “evitar e loitar porque o rural non acabe abandonado e se visibilice a actividade cultural” como sinala Paulinha D´Arzoá. Tamén a necesidade de formación e de iniciativas de educación cultural no rural. Como di Jorge de Álvarez “agora pregúntanme se para medrar neste oficio me terei que ir a Madrid. Eu quero seguir creando dende Viana do Bolo”.

Para clausurar o evento, interviu D. Ildefonso de la Canva que chamou á unidade para potenciar a actividade cultural no rural e que “iniciativas como esta serven de impulso para continuar traballando no desenvolvemento artístico nas vilas galegas e no Camiño de Santiago”.

A Mezquita será a vila inaugural de Latexos do Rural no Camiño este sábado 5 de xuño.

A Mezquita será a primeira parada desta peregrinación artística.

Este sábado 5 de xuño a partir das 11.00h abriranse as portas do Edificio Multiusos para recibir a todos os asistentes.

No propio edificio haberá unha exposición fotográfica asinada por Ramón Fernández, xunto cunha exposición de pinturas exclusivas creadas para esta edición da acuarelista Paulinha D´Arzoá.

Ás 12.00h na Biblioteca do Edificio Multiusos, Carmen Rivero recitará os seus poemas acompañada de Paulinha D´Arzoá, que realizará unha performance en la que realizará unha interpretación de pintura dos versos da poeta lazana. As portas do Edificio estarán abertas ata as 14.00 horas.

Pola tarde, a actividade comezará de novo a partir das 17.00 horas, cunha peza teatral inédita interpretada por Santi Cañaveral na Biblioteca do Edificio Multiusos. A partir das 18.15h, na escalinata exterior, o estilista Jorge de Álvarez presentará a súa colección exclusiva inspirada na relixión e o Camiño de Santiago cun novedoso desfile de moda.

Para rematar, no Campo anexo do Edificio Multiusos da Mezquita, terá lugar un concerto en formato dúo e trío do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Verín.

Ás 20.00h pecharanse as portas e os vindeiros sábados terán lugar as mesmas actividades no mesmo horario:

 

- Sábado 12 de xuño, Edificio Multiusos e Praza do Concello de Riós.

- Sábado 19 de xuño, Edificio Multiusos e Praza Maior da Gudiña.

- Sábado 26 de xuño, Salón de actos do Concello e Praza da Picota de Laza.

 

--

LATEXOS DO RURAL NO CAMIÑO

Web oficial: www.latexosdoruralnocamino.com

 

Redes sociais:

Facebook --> https://www.facebook.com/latexosdorural

Instagram --> https://www.instagram.com/latexosdorural