O novo delegado de gobeno en galicia, José Miñones, visitou esta mañá Verín para coñecer os principais proxectos de mellora que ten en marcha o Concello Imprimir
Venres, 28 Maio 2021 19:49

 Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones estivo en Verín co alcalde, Gerardo Seoane. Xuntos, visitaron os principais proxectos que ten en marcha o Concello de Verín nos eidos da Humanización, Saneamento e Mobilidade.

Os responsables políticos tamén falaron sobre os  proxectos activos  de carácter cultural, como o acondicionamento de Fontenova e Caldeliñas, ou de carácter enerxético como a substitución das luminarias por bombillas led de baixo consumo.

Visitaron a ponte de Queizás, concluída en marzo para conectar o polígono de Pazos coa Nacional 532 e cuxa construcción foi cofinanciada entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o Concello, con 800.000 euros e aportación estatal e 200.000 euros de carácter municipal.

Tamén Estiveron a continuación na Estación Depuradora de Augas Residuais de Verín, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do mesmo Ministerio que aporta case 11.000 euros para melloras hidrolóxicas no municipio, e por último no parque da Preguiza, onde o delegado do Goberno constatou a importancia da dinamizar o rural para fixar poboación nel.

“Hoxe estamos aquí porque entendemos que non hai mellor sitio que Verín para poñer en valor o compromiso do Goberno co municipalismo, e para subliñar a importancia do Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico que presentou hai só uns días o presidente Pedro Sánchez”, subliñou o delegado.

De feito, Verín “destaca por ser exemplo do que persegue o Goberno co seu Plan de Recuperación ante o Reto Demográfico”, como demostran os investimentos “para cumprir obxectivos como a transición dixital e plena conectividade, promoción da cultura, impulso da transición ecolóxica, turismo sostible e cohesión social, entre outros”, engadiu.

En concreto, neste Concello o IDAE financia dende 2019 diversas actuacións vinculadas á eficiencia enerxética con 2,05 millóns de euros. Unha parte delas, a renovación do alumeado urbano, xa está terminada, e están en execución aquelas vinculadas á mobilidade urbana sostible e á renovación do alumeado público das áreas rurais.

Pola súa parte, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración ten dúas entidades de poboación de Verín beneficiarias en 2019 e outras 5 en 2020, coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Tamén están comprometidos outros 10.000 euros do Ministerio de Cultura e Deporte para un proxecto da Biblioteca Municipal relacionado co fomento da lectura.

“Pretendemos que vivir en concellos como Verín sexa un privilexio e por iso traballamos para dotalo das mellores ferramentas”, declarou o delegado antes de asegurar que “o compromiso do Goberno é firme cos municipios galegos”.