O obradoiro de guion de cinema que se desenvolverá no marco do FIC Vía XIV de Verín completa o seu aforo Imprimir
Venres, 28 Maio 2021 13:25

O obradoiro de guion de cinema, que estará impartido por Ángel Manzano, vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas e presidente do Foro da Asociación de Guionistas Audiovisuais, no marco da VI edición do FIC Vía XIV de Verín vén de completar o seu aforo e presenta xa listaxe de espera.

Trátase dunha iniciativa que estaba aberta a todas as persoas, de calquera idade, interesadas en contar unha historia e estruturarase en tres fases como unha actividade paralela no marco do desenvolvemento do FIC Vía XIV.

A idea final é que os participantes coñezan e interioricen as claves para levar a cabo “con solvencia” un traballo de guion no ámbito audiovisual, tal e como destaca o director do Festival de Curtas de Verín, Carlos Montero.

Ante o éxito da iniciativa, que completou as súas prazas nun tempo récord, “a organización do Festival comprométese a realizar máis actividades temáticas en vindeiras edicións do certame”, sinala Montero.