Verín doara “íntegra” a partida orzamentaria destinada a festividade dos Maios ás persoas máis desfavorecidas da comarca Imprimir
Venres, 12 Marzo 2021 13:28

 A concellería de  Festexos do Concello de Verín celebrará a festa dos Maios, mantendo a elaboración das tradicionais coplas, adaptadas e optimizadas para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles. Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal  doará,  integramente, a  cantidade  orzamentada para devanditos festexos  ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.

Enrique Gómez Pato, que retomou na década dos cincuenta do século pasado a tradición dos Maios en Verín, promoveu, durante anos, funcións teatrais en beneficio do Asilo de Verín. Se hoxe estivera entre nós, aplaudiría que o certame que anualmente convoca o Concello de Verín para manter esta manifestación da nosa cultura popular teña como obxectivo este ano recadar fondos solidarios.


Para esta finalidade, á que o Concello de Verín doará, integramente, a cantidade orzamentada para a Festa dos Maios do 2021, pedindo na edición a colaboración das persoas lectoras para o mesmo fin, propónselle a centros de ensino, institucións, asociacións culturais e sociais da comarca de Verín que participaron na Festa dos Maios anos atrás que colaboren coa redacción dunha copla, que se divulgará o día 1 de maio a través das plataformas online oficiais do Concello de Verín.


«A día de hoxe, moitas persoas, empresas, autónomos e familias  da nosa contorna están a pasar por unha complicada situación socioeconómica derivada dos efectos da pandemia. Ao igual que o ano pasado, doaremos íntegra a partida orzamentaria destinada a esta celebración. Nesta ocasión, os fondos destinaranse ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.» explicou a  concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza.


Os criterios da colaboración que procuramos son os seguintes:


.- Na edición do MAIO SOLIDARIO 2021 (In memoriam ENRIQUE GÓMEZ PATO) poden colaborar centros de ensinoinstitucións, asociacións culturais e sociais da comarca de Verín que participaron na Festa dos Maios anos atrás (2020 ou anteriores).


.-  A copla, que elaborará cada un dos colectivos colaboradores, seguirá estas directrices:


A.- Para que poida ser perfectamente lexíbel o texto en teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores nun formato de letra que motive a lectura das persoas e para mantermos un deseño harmónico das páxinas, non terá maís de 24 estrofas de catro versos. Se non chega a ese número de estrofas, o mínimo aceptábel é de 16, podendo tamén ter un total de 20 estrofas.

B.- Para a estrutura da redacción da copla aconséllase que as estrofas teñan unha continuidade temática, agrupando as que desenvolvan un mesmo tema.


C.- C.- O texto enviarase dixitalizado ao Concello de Verín ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ) en formato aberto até o día 28 de abril.


D.- Cada colectivo redactor responsabilizarase da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión formal do texto se non é pedida expresamente, aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.


E.- Das coplas farase unha edición únicaconxunta de todos os colectivos participantes, que se divulgará o día 1 de maio en formato electrónico. Na portada incluirase un numero de conta, animando ás persoas que lean a copla a que, a exemplo do Concello de Verín, fagan doazóns de solidarias para o Programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas


3ª.- interpretación destes criterios de colaboración, a admisión de colectivos e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.