A Fundación Galicia Europa convoca o concurso fotográfico ‘Galicia Innovadora e Creativa’ Imprimir
Martes, 06 Outubro 2009 13:44

A Fundación Galicia Europa, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a de Xuventude, lanza o concurso fotográfico “Galicia Innovadora e Creativa”, dirixida a todos aqueles mozos e mozas que queiran expresar a través da fotografía a súa particular visión da Galicia máis vangardista e innovadora.


Neste concurso poderán presentar os seus traballos todos aqueles mozos entre 18 e 30 anos; nados en Galicia, fillos de galegos ou nacionalizados nalgún dos Estados membros da Unión Europea que residan en Galicia desde o 2006. As obras deberán presentarse en papel ou formato dixital, antes do 20 de outubro na sede da Fundación Galicia Europa en Santiago (Rúa dos Feáns, 3C, baixo).

A temática do certame está en consonancia coa celebración, neste 2009, do Ano Europeo da Creatividade e a Innovación. Desde as institucións europeas consideran fundamental potenciar as aptitudes creativas da poboación para responder efectivamente aos desafíos e oportunidades da globalización e á situación de crise actual. Neste sentido, as fotografías deberán centrarse naqueles aspectos nos que Galicia evolucionou e progresou máis nos últimos anos.

Xurado e Premios

O xurado, seleccionado pola Fundación Galicia Europa e os patrocinadores do evento, valorará a calidade técnica e a habilidade fotográfica dos participantes, así como a súa capacidade para transmitir a imaxe dunha Galicia creativa e innovadora. De acordo con estes aspectos, a comisión preseleccionará un máximo de 15 obras, de entre as cales se escollerán os tres gañadores.

A contía dos premios ascende a 6.000 euros, repartidos nun primeiro premio de 3.000 euros que da a Fundación, un segundo de 2.000 euros da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e un terceiro de 1.000 euros da Dirección Xeral de Xuventude. Así mesmo, tanto as 3 obras gañadoras como as 12 finalistas formarán parte dunha exposición que a Fundación presentará en diversas cidades galegas e en Bruxelas.

Todos os interesados en participar nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso na páxina web da Fundación: www.fundaciongaliciaeuropa.eu.