O arpista compostelá Manuel Vilas presenta en Verín a segunda entrega da súa recuperación do Manuscrito Guerra Imprimir
Xoves, 02 Xullo 2009 11:08
A igrexa dos Padres Mercedarios acollerá mañá 3 de xullo, a partir das 20.30 horas, o primeiro dos concertos do Vía Stellae en Verín, no que o tenor Juan Sancho e o grupo Ars Atlántica que dirixe o arpista compostelán Manuel Vilas presentan a segunda entrega da recuperación que Manuel Vilas está a facer do Manuscrito Guerra: colección de tonos humanos que se conserva na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago e que a prestixiosa multinacional Naxos comezará a publicar proximamente en colaboración co Via Stellae.

O singular documento chamado “Manuscrito Guerra” consiste nunha colección de tonos humanos da segunda metade do século XVII. A súa importancia radica sobre todo en que é unha fonte de gran valor para o coñecemento da música vocal profana para solista do barroco español. É unha antoloxía de cen tonos humanos, todos escritos para unha voz solista, excepto dous que precisan dous cantantes. Aínda que non ten ningunha indicación de autor e tampouco aparece ningunha data, a metade atópanse tamén noutras fontes, o que permite identificar algúns dos compositores, entre os que os máis representados na antoloxía compostelá son Juan Hidalgo (arpista da Capela Real e principal pioneiro da música teatral do Barroco español) e José Marín (guitarrista, tenor e compositor ademais de sacerdote, o que non lle impediu ser acusado de asalto, roubo e asasinato polo que foi encarcerado e condenado ao desterro e a galeras). Moitas das obras son anónimas. O nome do manuscrito é debido a que na portada figura o nome de José Miguel Guerra, o que foi copista do mesmo.