Exposición ‘Emigrantes pola Arte’ Imprimir
Mércores, 01 Xullo 2009 10:38

‘Emigrantes pola Arte’ é un grupo de emigrantes e fillos de emigrantes do municipio de Monterrei, en formación e aberto a todo aquel-aquela que teñan algo que mostrar. Este grupo os meses de verán realizarán exposicións artísticas por diversos lugares da provincia de Ourense. Durante este verán comezarán a súa andaina por Verín do 1 ao 14 de xullo, na Casa do Escudo.

A continuación visitarán Albarellos, Mixos, Flariz, Medeiros, Villaza e Sandín. Tamén exporán, fundamentalmente cerámica, en Vilanova dos Infantes do 1 ao 29 de agosto.


O historial expositivo dos seus actuais membros é moi curto debido á mocidade de dous participantes, Brigitte Seoane e María José Sánchez, e aos quefaceres laborais dos outros dous, Rosa Losada e José Rodríguez.

Rosa Losada. Natural de Flariz. A súa obra evolucionou cara a dúas vertentes ben diferenciadas: Desde o realismo paisaxístico e costumista, xogando coas cores pastel e a luminosidade, en clara referencia a Sorolla; ata a inspiración monumental, evocadora dun medio rural e eses recordos da infancia que a retraen no tempo á súa aldea natal. Na actualidade forma parte do taller de Pintura de Rodrí Art de Basauri (Biscaia). Participou nunha exposición colectiva da Casa de Cultura de Basauri. En Flariz expuxo no verán pasado conxuntamente con Brigitte Seoane e José Rodríguez.

María José Sánchez. Nova pintora bilbaína, de pais oriúndos do municipio de Monterrei. Na súa obra destacan excesivamente os bodegóns e retratos paisaxísticos. Óleos dotados de gran realismo e cotidianidade, traducidos ao lenzo cunha gran técnica impresionista: pinceladas grosas que resaltan ceos, xardíns, patios andaluces ou rostros infantís. As aldeas e o medio rural son tamén para esta artista fonte de inspiración.

Brigitte Seoane. Nova pintora nacida en Hannover (Alemaña), moi arraigada a Galicia e con orixes familiares no municipio de Monterrei. Ten no mundo da feminidade o seu principal motivo de inspiración artística. Mulleres sensuais, evocadoras actrices de Hollywood dos 50 en plena década dourada, cabareteras parisienses de principios de século pasado cunha enorme carga erótica; son exemplo claro dunha obra chea de colorido, sensualidade e inspiración. participou en varias exposicións colectivas en Hannover. No 2008 expuxo en Flariz.

José Rodríguez. Nacido en Flariz e residente actualmente en Santa Pola (Alacante). Os seus inicios van ligados á produción pictórica. De clara influencia mariñeira e mediterránea. Co tempo, este mestre retirado inclinarase facía a cerámica: cruces celtas, baixos relevos exipcios, gregos. As súas representacións están plenas dun carácter misterioso e histórico. A perspectiva do autor sempre se inclina cara a unha procura pedagóxica da súa obra. Participou nas exposicións colectivas ‘Creativa’ de Santa Pola, desde o ano 2006 ao 2009, con obras de cerámica e pintura. No municipio de Monterrei, expuxo en Flariz no 2007, en Albarellos no 2008; e en Flariz, conxuntamente con Rosa Losada e Brigitte Seoane, no 2008.