O Entroido de Verín, Festa de Interese Turístico Nacional Imprimir
Martes, 07 Abril 2009 10:11
A Secretaría de Estado de Turismo, tras estudar a documentación presentada polo Concello de Verín, concedeu ao Entroido do municipio o título de Festa de Interese Turístico Nacional.

No pasado ano 2008, o grupo de goberno do Concello de Verín comezou a preparar o proceso de solicitude deste título de carácter honorífico, para o que se esixía posuír o certificado de interese turístico rexional cunha anterioridade non inferior de cinco anos, e que o Entroido de Verín xa posuía desde o ano 2000 -polo tanto, o noso Entroido era elixible para solicitar esta segunda marca dende o ano 2005-.

Para a consecución do título de Festa de Interese Turístico Nacional, solicitábase non só que fose un acontecemento con valores culturais e tradición popular, antigüidade na súa celebración, continuidade no tempo ou arraigamento na localidade; senón tamén aspectos como: un acordo plenario e informe da comunidade autónoma correspondente que ratificase devandita petición, estatutos de entidades que avalasen a participación cidadá e a promoción turística, e certificados que acreditasen o respecto polo contorno urbano, paisaxístico e monumental, e os non malos tratos aos animais. E, o máis difícil no noso caso, xustificativos e probas de ter realizadas accións promocionais desde o ente municipal nos últimos cinco anos, en prol do Entroido e fóra da Comunidade Autónoma, recollidas en medios de comunicación nacional e internacional. Un requisito, este último, que esixía a consecución dun total de vinte actuacións, e que debido ao baleiro promocional dos últimos anos, exceptuando os labores efectuados polo Inorde e a Asociación ‘O Cigarrón’, retardou devandito procedemento de solicitude, xa que só foi posible conseguir certificados de emisión e orixinais en prensa dos dous últimos anos. Por iso, e só coas accións levadas a cabo no último ano e medio, se conseguiu chegar a este número; xa que sen ir máis lonxe, este mesmo ano, os cigarróns estiveron en Bilbao, Madrid e Navarra.

Sinalar a importancia de esta declaración para a promoción fora de Galicia no futuro; a razón pola que desde o Concello se apostou insistentemente, a pesar da falta de probas promocionais suficientes inicialmente, é porque aínda que se trata  de unha declaración, aparentemente honorífica, non deixa de ser un sinal de marketing institucional cando se presenta ou divulga a festa fóra do ámbito rexional. Non debemos esquecer que pola nosa localización xeográfica, e nun radio de 400 quilómetros, temos visitantes potenciais nacionais e portugueses para os que a declaración de interese turístico nacional aumentará sen dúbida o atractivo do evento, como xa aconteceu coa Festa da Istoria de Ribadavia e a Semana Santa de Salamanca.

A intención do Concello, despois do prazo obrigatorio de vixencia da declaración de interese turístico nacional, é iniciar de novo trámites para a declaración da festa como de interese turístico internacional.