Campaña para fomentar o reciclado de vidro no sector hostaleiro de Verín Imprimir
Xoves, 26 Marzo 2009 18:56
O xerente da asociación sen ánimo de lucro Ecovidro, Germán Fernández, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería da Comarca de Monterrei, Francisco Pérez, o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Hilario Castro, presentaron esta mañá a posta en marcha dunha iniciativa para a recollida selectiva e reciclado de residuos de envases de vidro nos locais hostaleiros do municipio.

A través desta iniciativa, á que se adheriron 76 establecementos da localidade, repartiráselles un cubo con rodas, a partir do 30 de marzo, para facilitar o almacenamento e transporte dos seus envases de vidro a un dos dez novos colectores, que se instalaron nos arredores dos locais, e que están adaptados cunha boca ancha para facilitar o baleirado do cubo cos residuos de envases de vidro -atópanse ubicados en diversas rúas do centro histórico (Muralla, Alameda, Luis Espada, Montemaior, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Amaro Refoxo, praza da Alameda, zona Hospital e institutos)-. Ademais, todos os establecementos participantes recibirán un adhesivo que lles identificará como locais comprometidos coa reciclaxe de vidro.

Esta campaña permitirá elevar a taxa de reciclaxe de vidro en Verín, que na actualidade conta con 57 iglúes repartidos pola localidade -o que corresponde a un iglú por cada 245 cidadáns-, e nos que no ano 2007 depositaron un total de 223.490 quilogramos de residuos de envases de vidro.