Exposición: “Nós tamén fomos emigrantes” Imprimir
Xoves, 16 Outubro 2008 11:53
Esta mañá, a Casa do Escudo de Verín acolleu a inauguración da mostra “Nós tamén fomos emigrantes”, organizada pola Obra Social de Caixa Galicia, e á que asistiron Beatriz Fernández-Anguiano García, xerente de sede e zona Ourense da Obra Social e da Fundación Caixa Galicia, Julián Lozano Delgado, subdirector da sucursal en Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde do Concello de Verín, María Corona Meixeira Romasanta, concelleira da área de Cultura, e un grupo de escolares do CEIP Amaro Refojo.
A exposición amosa unha escolma de 50 fotografías de gran formato seleccionadas da Fototeca da Agencia EFE, o servizo de noticias en castelán máis importante, e que é a porta de entrada ao maior arquivo gráfico do mundo de fala hispana con 1,7 millóns de fotos recompiladas dende finais do século XIX ata a actualidade.

O percorrido pola mostra permitirá aos visitantes comparar as condicións de entón coas imaxes dos movementos migratorios que hoxe publican os medios de comunicación, situacións moitas veces idénticas de non ser polo tempo pasado ou pola orixe e o destino dos protagonistas das imaxes. Ademais, a través de esta iniciativa, o Servizo Didáctico da Fundación Caixa Galicia deseñou un programa de actividades para achegar os contidos da mostra aos escolares, que poderán realizar visitas en horario escolar.

A exposición poderase visitar do 16 de outubro ao 10 de novembro no seguinte horario:
- Mes de outubro: das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas - martes a sábados- e das 12 ás 20.30 horas -domingos e luns-.
- Mes de novembro: das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas -luns a sábado-.