Un río de tapas … por Verín Imprimir
Xoves, 31 Xullo 2008 17:27
Desde o día 8 ata o 17 de agosto, a vila ourensana de Verín acollerá a primeira edición da ruta gastronómica “Un río de tapas”. En devandita ruta, organizada polo Concello de Verín en colaboración con Aecom e a D.O. Monterrei, participan un total de 20 establecementos da localidade que ofertarán unha ou dúas tapas propias, maridadas con viño da D.O. Monterrei, por un prezo de 2,5 euros.
Os verinenses e visitantes poderán degustar, en horario de tarde-noite, un total de 32 tapas salgadas e tres doces, entre as que se atopan: Crema fría de tomate con lagostinos ao vapor, Salmón en salsa de allo con pementos de Oímbra, Ovo de paspallás con crocante de xamón, Arepas recheas, Champiñóns ao fillo, Niño da avoa, Mexillóns á vinagreta, Bica Branca ou Torta de Cigarrón, entre outras.

As adegas Crego e Monaguillo, Chicheno, Gargalo, Magmus, Pazo de Monterrei, Pazo das Tapias, Terras Rubias e Viña Lara; e as pastelerías Primavera e Dona Bica tamén colaboraron nesta iniciativa, con prezos especiais para os establecementos que desexen adquirir os seus produtos para a venda durante a ruta.

Todos os que desexen participar nesta actividade deberán levar un “pasaporte”, persoal e intransferible, onde os establecementos porán o seu respectivo selo no momento que o consumidor abone o importe da tapa. Este “pasaporte”, gratuíto, debe solicitarse na Oficina de Turismo de Verín (Casa do Escudo) ou nalgún dos establecementos participantes.

A persoa que consiga completar todos os selos de pasaporte, e previa entrega na Casa Consistorial, entrará no sorteo de 300 € en metálico, concedido por todos os establecementos participantes. O gañador será nomeado “Tapeir@ Maior 2008” e formará parte do xurado, composto tamén polo Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e o Director do Parador de Monterrei para a elección do a “Mellor Tapa” do concurso, a máis orixinal e exquisita, que á súa vez recibirá tamén un premio de 300 € concedido por AECOM.

Os establecementos participantes son os seguintes: A Dorna, A Fonte, Alambique, Café Real, Casa do Pulpo, Catro Lobos, Helvético, Jamón Jamón, Latino, Lusco Fusco, María Toxiña, Mesón do Emil, Meu Lar, O Castelo, O Cruceiro, O Pucheiro, Parada, Patata Enxebre, Ribeiro e San Antón.