Balonmán de elite no municipal de Verín Imprimir
Luns, 22 Xaneiro 2024 11:02

O Concello de Verín convida a todos os amantes do deporte a que se acerquen ao Pavillón Municipal de Verín o vindeiro venres, 26 de xaneiro, para presenciar un partido amigable entre dous club históricos de primeiro nivel dentro do balonmán peninsular. O encontro dará comezo ás 19.00 horas e terá como protagonistas ao Abanca Ademar de León, da Liga Asobal española, e ao FC Porto, participante da Liga Andebol 1 de Portugal.

A presenza destes dous club de máxima categoría en terras verinesas débese á oportuna xestión do Concello ante o parón das competicións continentais por mor da celebración do Campionato de Europa de seleccións masculinas que se disputa en Alemaña entre o 10 e o 28 de xaneiro.

O Ademar de León é un club pioneiro dentro do panorama nacional. Fundado en 1956, por xogadores do Colexio Marista San Xosé, dende hai varias décadas consolídase como un dos equipos que loitan pola liga Asobal e a Copa do Rei ano tras ano. Malia que esta tempada está sendo algo irregular, destaca no seu palmarés dúas Recopas de Europa e varios campionatos de Liga e Copa nacionais.

Por parte do FC Oporto, a súa sección de balonmán é a máis laureada da competición lusa, merced ás súas 24 Ligas, 9 Copas de Portugal, 3 Copas de Liga e 8 Supercopas colleitadas dende a súa fundación en 1932. O conxunto calé, non obstante, non é un descoñecido entre os afeccionados españois, xa que nas súas filas destacan catro xogadores de orixe hispano:  os laterias dereitos David Fernández e Mamadou Diocou, o pivote Ignacio Plaza e o extremo dereito Antonio Martínez.

Ambos conxuntos aproveitarán a cita verinesa para preparar a volta ás súas respectivas competicións. Unha moi boa oportunidade que terán os espectadores da contorna de desfrutar de balonmán de moita calidade e totalmente de balde.

Este evento conta coa colaboración as empresas Hortoverín e Cabreiroá, quen aportan fruta e auga, respectivamente, para os equipos participantes.