Estrea Mundial da Película "Pretérito Imperfecto" de Plácido Romero no Auditorio de Verín Imprimir
Mércores, 20 Setembro 2023 12:42

O vindeiro sábado 23 de setembro, ás 20:00 horas, o Auditorio de Verín acollerá a  proxección da estrea mundial da película "Pretérito Imperfecto"; dirixida, guionizada e producida polo cineasta Plácido Romero.


A película "Pretérito Imperfecto" baséase na recuperación de apuntamentos e material compilado por Xan Moreno, a quen se dedica este traballo postumamente. Seguindo as directrices de Moreno, a película convídanos a explorar un documental que non puido completar debido á súa morte prematura. Esta obra propón unha conmovedora travesía a través do espazo e do tempo, levándonos de volta á infancia no noso querido pobo. A misión é descubrir as razóns detrás dos diversos destinos dos compañeiros de xeración que aparecen nunha fotografía escolar da década de 1950, que inexplicablemente foi destruída. A reconstrución desta imaxe proporcionará as primeiras pistas sobre os futuros que, naquela época, eran descoñecidos para os retratados.

Esta peza documental presentará varias lecturas que invitan a reflexión acerca de por que somos como somos, do valor dos recordos, das arestas da nostalxia, de opinións contrapostas, da nosa relación co paso do tempo, da evolución persoal e social de aqueles que fomos os fillos de excombatentes da Guerra Civil, vítimas da escarlatina, do sarampelo, da varicela e de autoritarismos descarnados. E todo dentro dun esquema cinematográfico coas súas elipses, flashbacks, contradicións, enigmas, e por suposto imperfeccións, porque nada é perfecto. O simbolismo dos obxectos, na linguaxe, nas accións, na narrativa en xeral aportan recursos a un ambiente que busca a emotividade. E sobre todo, unha materia prima ordinaria que a mestría, sinceridade e entrega dos protagonistas, farana extraordinaria, nun traballo digno de admiración.

A duración da película é de 65 minutos, e despois da proxección (que será de balde), levarase a cabo un coloquio no que os asistentes terán a oportunidade de expresar as súas visións e opinións sobre a película e os temas que aborda.