A Biblioteca de Verín recibe, un ano máis, o premio María Moliner de fomento á lectura Imprimir
Mércores, 12 Xullo 2023 11:47

A Biblioteca Municipal de Verín vén de recibir o premio María Moliner de proxectos de animación á lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, correspondente ao ano 2023, pola súa iniciativa “Voluntariado cultural con rapaces/as s para o fomento da lectura”. Deste  xeito, a Biblioteca verinesa recibirá 2.772,22 euros financiados polo Ministerio de Cultura e Deporte, que serán destinados a compra de libros e/ou publicacións periódicas.



O concurso, convocado polo Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)- ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías. Verín leva anos colocándose entre os primeiros postos deste certame. Nesta ocasión, A Biblioteca Pública Municipal de Verín podería ter acadado unha vez máis o galardón especial ás dez mellores, mais as bases exclúen as bibliotecas que gañaron dito premio fai menos de 5 anos.

A  concelleira de Cultura, Samanta Barreira, quixo expresar a súa gratitude e satisfacción por este recoñecemento, resaltando que «sen dúbida, este é o resultado do compromiso e a paixón demostrada polo equipo de profesionais da biblioteca, así como do seu voluntariado, no seu labor diario».

Barreira tamén destacou o feito de que Verín se sitúe habitualmente nos primeiros postos deste importante certame, o que evidencia o compromiso da biblioteca e Concello coa promoción da lectura e coa calidade dos servizos bibliotecarios, consolidando a nosa vila como todo un referente neste ámbito».

Na campaña de 2023 presentáronse un total de 557 proxectos, dos que foron seleccionados un total de 370. A comisión de selección destacou do "Proxecto de Voluntariado Cultural con rapaces/zas para o fomento á lectura" da Biblioteca de Verín o Premio Nacional María Moliner, a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade. Ademais, de valorar a orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que contén a proposta.

Voluntariado cultural con rapaces/as s para o fomento da lectura

Trátase dun proxecto consolidado, que xurdiu fai catorce anos e que converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade grazas á colaboración de mozos voluntarios. Destaca pola súa relación transfronteiriza levando as actividades da biblioteca a aldeas próximas de Portugal e polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social.  Ao  longo  destes anos,  foron  máis de 650 actividades de fomento  á lectura,  onde  tamén  tiveron cabida,  multitude de conferencias,  presentacións de libros,  exposicións, concursos e coma  non ou  servizo  estrela  do verán que  é a  Biblio-Piscina e  Biblio-Rúa,  servizos  tamén atendidos polos Voluntarios dá Biblioteca.