Cogami finaliza o curso de alfabetización dixital en Verín dirixido a persoas con discapacidade Imprimir
Martes, 28 Marzo 2023 13:26

As instalacións da aula Cemit do Casa da Xuventude do Concello de Verín, acolleron un curso de Alfabetización Dixital que imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Esta mañá tivo lugar a clausura oficial do mesmo, na que estiveron presentes a concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez, e o técnico de Intermediación Laboral e Orientador en COGAMI, Carlos Montero.



Nesta formación, que conta coa colaboración do Concello de Verín, participaron un total de 8 persoas, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual.

A concelleira Rosario Rodríguez felicitou publicamente a COGAMI pola labor desenvolvida, destacando a relevancia desta iniciativa para «mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e abrirlles un futuro laboral». A concelleira tamén agradeceu aos participantes a súa implicación.

Devandita formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da Organización COCEMFE, da que forma parte COGAMI, enmarcada nas actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2022-23, contou cun total de 85 horas lectivas, e nos que se abordaron módulos sobre internet, procesador de textos e folla de cálculo.

Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral.