O Salón de Actos da Casa da Cultura acolle a charla coloquio “Muller emigrante: dobre vida cara ao esquecemento” Imprimir
Martes, 14 Marzo 2023 12:50

O vindeiro xoves 16 de marzo, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acolle a charla coloquio “Muller emigrante: dobre vida cara ao esquecemento”, con Sonia Torre, xornalista e investigadora como relatora convidada.


A actividade, que conta coa colaboración do Concello de Verín, será aberta ao público en xeral, con entrada libre ata completar aforo.


MULLER EMIGRANTE: DOBRE BILLETE CARA AO ESQUECEMENTO

 

Se a emigración dos anos 60 cara a Europa é unha das grandes esquecidas no estudo da nosa historia máis recente, o papel da muller é dobremente relegado. E elas tiveron un papel moi importante nesa emigración. Como exemplos:

 

Un estudo alemán sinala sobre esa emigración feminina: “Algunhas mulleres españolas aceptaron a emigración laboral porque viron nela a oportunidade de romper cos roles establecidos e de fuxir cara a unha vida moderna e emancipada”.

 

O 29 de marzo de 1960 España asinou o convenio de inmigración con Alemaña e enviou a Remscheid o primeiro grupo de traballadores: As coñecidas como  as 45 mozas de Béjar, en Salamanca que realizaron a viaxe en autobús para traballar na industria téxtil.  Tamén foi un grupo de españolas da chocolatería Stollwerk de Colonia, en Alemaña, as que  protagonizaron posiblemente a primeira folga da historia dos inmigrantes nese país,  co auspicio de UXT. En Ourense, en 1963, tamén é un grupo de mulleres no que inicia esa emigración europea.

 

No primeiro Congreso Democrático de Asociacións de Traballadores Españois Emigrantes en Europa,  en 1982, as mulleres xa manifestan estas queixas:  “Elevamos unha crítica á Comisión Xestora Europea por non incluír un relatorio específico que tivese como contido a problemática da muller emigrada, cuxa amplitude e complexidade pasa o marco dun relatorio conxunto cos problemas dos xubilados, temporeros, mariñeiros, minusválidos, etc (por citar algunhas das situacións especiais e discriminación).

 

Neste mesmo Congreso, no terreo das esixencias referidas ao aspecto laboral, as asistentes no Congreso reclamaban xa entón igualdade de soldos, recoñecemento ás amas de casa, xornadas de conciliación laboral, garderías, etc, e realizouse unha  mención especial á situación da muller temporera de Suíza: traballo e embarazo, xa que boa parte delas víanse obrigadas a abortar, senón, o 98 por cento eran expulsadas do país.