O Auditorio de Verín acolle a representación da obra "Arraianos" de Sarabela Teatro Imprimir
Xoves, 23 Febreiro 2023 17:28

O vindeiro sábado 25 de febrero, ás 19:00 horas, o Auditorio de Verín acolle a representación da obra "Arraianos" da compañia Sarabela teatro.

Un espectáculo do Autor Xosé Luís Méndez Ferrín, Dirección de Ánxeles Cuña Bóveda e no Elenco, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yukhnevich


Unha das obras fundamentais da literatura galega, levada a escena pola grande compañía Sarabela teatro. Unha suma de relatos que estremecen e fan reflexionar, ou, se acaso, fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria e a grandeza da alma e da vida.
A obra céntrase en dous contos, Medias Azuis e Lobosandaus.

En Medias Azuis, dous mozos (Fer González e Fran Lareu) van mocear con dúas irmás xémeas (Sabela Gago e Fina Calleja) de aparencia saudable e belida, dúas testemuñas (Elena Seijo e Fernando Dacosta) transfiren as súas emocións e perspectivas dos acontecementos. A promesa de namoro torna nunha situación arrepiante. A relación xira sobre o gozo e o pracer sexual, ou da burla, nunca da igualdade. A atmosfera é recreada por outra testemuña, o músico (Vadim Yukhevich) que interpreta a maldición circular na que a noite de brétema vai engulir aos mozos.

Lobosandaus conta a historia dun mestre (Fran Lareu) destinado, na segunda década do século pasado, na escola unitaria dunha aldea arraiana. O mozo mestre envía cartas ao seu tío -Penitenciario da Catedral de Ourense- durante o primeiro trimestre do curso. A través das letras desenvólvese unha trama de posesión onde se conxugan o telúrico e o erótico, o mundo e o inframundo, e onde o brillo do fantástico aniña nunha calidade atmosférica e nútrese da forza desatada polo desexo. Nos confíns arraianos de Lobosandaus, a racionalidade perde o seu asento e o mestre cae baixo o dobre feitizo dos aires remotos e da fermosa Dorinda (Fina Calleja), mentres o espírito do capador – anarquista e agrarista- Nicasio Remuñán, (Fernando Dacosta). que perdeu a cabeza por ela en vida, peregrina de corpo en corpo.


Entrada gratuíta ata completar aforo.